CC.OO. acusa á Deputación de "discriminar" a parte do persoal ao incumprir coa estabilización de emprego temporal

Pontevedra
22 de xuño 2020

Desde o sindicato sinalan que se deben transformar os empregos temporais nunha interinidade que permita ás persoas contratadas manter o posto ata que se adxudique definitivamente a praza a través do proceso de selección correspondente. Denuncia que, en cambio, o goberno provincial está a cesar o persoal que remata os programas

José Ramón Piñeiro e José Luis García Pedrosa (arquivo)
José Ramón Piñeiro e José Luis García Pedrosa (arquivo) / PontevedraViva

O sindicato Comisións Obreiras acusa o goberno da Deputación de Pontevedra de incumprir a Lei dos Orzamentos Xerais do Estado no que se desenvolvía un proceso de estabilización do emprego temporal nas administracións públicas, a través da convocatoria en determinados sectores de actividade, en quenda libre, dun número de prazas superior ao resultante da taxa de reposición.

Esta lei que tamén se recolle no procedemento para estabilización de emprego da Deputación de Pontevedra tras negociación coas organizacións sindicais, foi regulada segundo o secretario comarcal e da sección sindical de CC. OO. na  Deputación, José Ramón Piñeiro, a través de programas temporais para soportar os postos eventuais convertidos en prazas estruturais nese Acordo de Estabilización. 

Desta forma, ampliábanse todos os programas ata a súa duración máxima de catro anos, para poder desenvolver os procesos de oposición para a cobertura destes postos mentres aínda permanecían cubertos e esas probas de selección realizaríanse dentro deses catro anos.

Segundo o sindicato, a interrupción dos procesos debido á aparición da Covid-19 provocou un atraso nas convocatorias e moitos programas temporais atópanse ao bordo de chegar a súa fin. CC.OO. considera que debería producirse a transformación dese programa nunha interinidade que permita á persoa que a ocupa continuar nese servizo ata que a praza sexa cuberta de maneira definitiva tras o proceso de selección.

A denuncia de José Ramón Piñeiro baséase en que, segundo afirma, a  Deputación está a cesar a persoal que finaliza os programas e "trasládaselles a ameaza velada de que se reclaman xudicialmente vetáseselles na oposición para ocupar o posto de forma definitiva". Ademais, indica que hai, polo menos dous casos, en que si se realizou un contrato de permanencia unha vez finalizado o programa. Unha situación que Piñeiro considera un "privilexio e unha clara discriminación respecto ao resto do persoal" que se atopa na mesma situación.

Por este motivo, alertan do incumprimento do acordo de estabilización pactado no que se indicaba que o persoal debería permanecer no seu posto ata a cobertura da súa praza, como se fixo neses dous casos. Ademais, afirman que isto non afecta  presupuestariamente porque a convocatoria de prazas realizouse en oferta pública e os postos temporais pasaban a postos estruturais sen solución de continuidade.