CC.OO. chama á mobilización social contra as derivacións sanitarias a Santiago

Pontevedra
16 de xaneiro 2014

Este sindicato entende que a medida adoptada polo SERGAS supón un incremento do coste económico para as familias e a discriminación da asistencia sanitaria en Pontevedra

Manifestación en defensa da Sanidade pública
Manifestación en defensa da Sanidade pública / Mónica Patxot

A modificación do mapa de derivacións da Consellería de Sanidade provocou que o sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) reclame a protesta e a mobilización social en contra da medida que supón a obriga de trasladarse a Santiago en seis especialidades médicas da área sanitaria norte de Pontevedra.

José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., considera que esta medida supón un incremento do custo económico para as familias que teñen que desprazarse para acompañar ata o Hospital de Santiago aos pacientes ingresados.

Ademais entende que se deshumaniza a asistencia sanitaria pública porque dificulta o acceso dos familiares e establece cidadáns de primeira, que reciben a asistencia na súa propia área, e de segunda, obrigados a desprazarse.

Tamén dende este sindicato se entende que se descapitalizan os hospitais de Pontevedra e do Salnés porque contarán con menos recursos técnicos e con menos especialistas.

Por último, García Pedrosa entende que esta decisión certifica a defunción do novo hospital público para Pontevedra en Monte Carrasco, o que é entendido polo sindicato como unha nova discriminación para Pontevedra.