CC.OO. pide a Lores "responsabilidades políticas" e desculpas coa Policía Local tras o arquivo do "caso do semáforo"

Pontevedra
24 de outubro 2019

O xulgado de instrución número 3 de Pontevedra indica que non existe proba directa da autoría da manipulación dun semáforo por parte dos dous axentes locais denunciados polo intendente do corpo, Daniel Macenlle. O auto expón tamén que non existen indicios da creación dun grave perigo polo incidente, que coincidían cunha manifestación da Policía Local

Carme da Silva e o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle
Carme da Silva e o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle / PontevedraViva
Piden responsabilidades políticas ao alcalde tras arquivarse o "caso do semáforo" contra dous axentes da Policía Local /

A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra arquivou o coñecido como "caso do semáforo" polo que dous policías locais foran investigados e denunciados polo intendente do corpo, Daniel  Macenlle, acusándoos de manipular un semáforo durante a xornada do 31 de decembro de 2018, coincidindo cunha manifestación de axentes da Policía Local, que mantiñan un conflito laboral co grupo de goberno do Concello de Pontevedra.

O auto no que se decreta o sobresemento da causa recolle que non existe ningunha proba directa que acredite a autoría do delito aos dous axentes acusados. Non hai testemuñas que visen manipular a caixa rexistro dos semáforos, nin imaxes captadas. Na instrución de denuncia realizada por Macenlle tampouco se recollen probas de que os axentes tivesen coñecemento para a manipulación nin que dispuxesen da chave para abrir a caixa nin que fixeran algo distinto que participar na manifestación ou atender os servizos mínimos durante a xornada. 

Ademais sinala que non se aprecia risco para a circulación que esixe o tipo penal xa que os vehículos non circulaban porque o tráfico estaba cortado con motivo da carreira da San Silvestre, que coincidía nesa xornada, e os únicos que ocupaban a vía eran os manifestantes. Por tanto, conclúe o auto, non existían indicios da creación dun grave perigo, non se rexistraron accidentes, nin retencións, nin protestas, nin queixas nin alarma cidadá e a alteración durou "apenas uns minutos".

Ante a contundencia do auto, Antonio Millares, delegado sindical de CC.OO. na Policía Local de Pontevedra, reclamaba este xoves que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, como máxima autoridade en relación con este corpo, adopte "responsabilidades políticas" e pida perdón aos axentes tras os nove meses que levou o procedemento.

Millares afirmaba que os axentes do corpo perderon credibilidade no seu xefe Daniel Macenlle, ao que definiu como "xefe político". Ademais, cuestionaba como un intendente da policía podía ter instruído este caso no que se atopaba implicado xa que na convocatoria da manifestación policial aparecían el e Lores como motivos da protesta. "Non debería instruílo por ética", sinalou o portavoz sindical. Ao mesmo tempo lamentaba que a concelleira Carme da Silva apoiase e  amplificado aquela denuncia.

Comisións Obreiras estudará agora se inicia algún trámite por vía administrativa ou xudicial contra Daniel Macenlle. Os servizos xurídicos do sindicato analizan se a actuación do responsable policial neste caso se axusta a dereito.