CCOO denuncia as continuas avarías dos elevadores do Hospital Provincial

Pontevedra
10 de maio 2018

O secretario de organización de Comisións Obreiras acusa o xerente do CHOP de "realizar unha xestión propia dunha economía de guerra" que, ao seu xuízo, "atenta contra os usuarios e a propia dignidade dos traballadores afectados"

Hospital Provincial Mónica Patxot

O secretario de organización de Comisións Obreiras remitiu un escrito ao xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Ramón Gómez no que lle traslada a "indignación" por como está a xestionar as continuas avarías que sofren os ascensores principais do Hospital Provincial.

José Luis García Pedrosa sinala a incidencia que provocan estas avarías na prestación de servizos de calidade por parte dos distintos colectivos que traballan no centro aos que "vostede está a boicotear, por ratear o investimento necesario" para o funcionamento normal dos ascensores.

O sindicalista acusa o xerente do CHOP de "realizar unha xestión propia dunha economía de guerra" que, ao seu xuízo, "atenta contra os usuarios e a propia dignidade dos traballadores afectados".

Asegura que Comisións Obreiras "non vai aceptar un día máis este estilo de xestión" que "está a poñer en risco a integridade física dos usuarios e do persoal que usa os ascensores" para que a xerencia presente uns bos resultados económicos, apunta García Pedrosa "con premio retributivo para vostede e aqueles membros do equipo directivo que non teñen escrúpulos en deteriorar a calidade da asistencia, pero que non dubidan en poñer a man para ser recompensados no complemento de produtividade".

Finalmente Pedrosa cualifica como "vomitivo" que a dirección do Hospital "potencia o enfrontamento entre os colectivos de traballadores" por este asunto e anuncia que Comisións Obreiras presentou unha denuncia na Inspección de Traballo solicitando a súa intervención e advirten que "actuaremos por todas as canles legais no caso de que se produza algún accidente".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora