Representantes do sindicato Comisiones Obreras (CC.OO.) compareceu este mércores en rolda de prensa para denunciar o que cualifican como unha estratexia de "represión sindical" e "vendetta" dirixida polo alcalde, Telmo Martín, contra o persoal do servizo de Emerxencias e Protección Civil.
A organización sindical asegura que o rexedor está a utilizar métodos coercitivos para silenciar as demandas de mellora de medios e seguridade nun servizo clave para o municipio.
A secretaria xeral de CC.OO. Galicia, Amelia Pérez, foi contundente ao describir a situación: "O expediente que se lle abriu ao presidente do comité de empresa e outros dous compañeiros é un acto de represión sindical para silenciar os traballadores".
Pérez criticou duramente o estilo de xestión do alcalde, asegurando que Martín "pensa que xestionar o Concello é como xestionar as súas empresas, onde o que impera é o ordeno e mando". Para o sindicato, Sanxenxo "non é o seu cortijo" e os bombeiros "non son os seus peóns".
O foco principal da denuncia radica na degradación das condicións de traballo e na seguridade, con consecuencias tanto para o persoal como para a cidadanía.
Segundo explicaron Daniel Argibay, presidente do comité de empresa, e Manuel García, portavoz do mesmo, o persoal leva preto dun ano traballando con Equipos de Protección Individual (EPI) caducados e medios materiais deficientes.
"Íamos aos incendios forestais cun camión que perdía gasoil; o Concello estaba informado polo comité", denunciou García lamentando que desde o goberno local non houbo reacción.
Ademais, o sindicato asegura que o goberno de Telmo Martín incumpre unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga a manter tres persoas por quenda.
Na actualidade, a falta de cobertura de baixas, catro das cinco existentes son por acoso e presión laboral, segundo o sindicato, que sinala que son 13 os efectivos actuais do servizo.
A esta circunstancia, súmase que Emerxencias queda pechado en horario nocturno, entre as 23.00 e as 07.00 horas, malia os convenios asinados coa Xunta e as Deputacións que obriga a estar en funcionamento durante as 24 horas..

PROTESTAS DURANTE O VERÁN
A apertura de expedientes disciplinarios en xaneiro de 2026 por faltas moi graves, que poderían derivar en despedimentos ou suspensións de ata seis anos, foi recibida por CC.OO. como un ataque directo.
O Concello xustifica os expedientes na reticencia a realizar determinados servizos. Os representantes dos traballadores alegan falta de seguridade: "a ti non te poden obligar a traballar tendo uns EPIs que non reunían as condiciós para desempeñar ese traballo".
José Luis García Pedrosa, secretario de organización do sindicato, foi claro sobre as consecuencias desta medida: "O paso de Telmo Martín é unha declaración de guerra ao sindicalismo e como tal imos responder. Se non se aparca este expediente, este verán será movido en Sanxenxo".
O sindicato denunciou tamén o uso de fondos públicos para esta "persecución sindical", revelando unha partida de case 9.000 euros destinada a contratar un avogado externo para tramitar os expedientes.
"Se estes cartos fosen destinados a cubrir as necesidades do servizo, non estaríamos aquí", lamentou Daniel Argibay.

Como resposta, CC.OO. xa advirte dun calendario de mobilizacións permanentes e "de todo tipo" na vila turística "ata que ese expediente se aparque".
A partir destes días, vai iniciarse a recollida de sinaturas entre o persoal do Concello para amosar solidariedade cos expedientados, e o vindeiro 1 de maio levarase a protesta á rúa cunha pancarta específica.
Ademais, contan co apoio da Asociación de GES de Galicia (GESGA), que prevé organizar unha gran mobilización en Sanxenxo durante a tempada estival para dar visibilidade á precariedade do servizo ante veciños e turistas.
Pola súa banda, o persoal insta o rexedor a que retire de inmediato os expedientes, cumpra cos protocolos de prevención de riscos e recupere o diálogo democrático. "El di que 'non negocia con nadie'; está nunha institución que actúa dunha maneira puramente antidemocrática", apuntou García Pedrosa.
Critican tamén a actuación da Inspección de Traballo que non intervén contra o Concello malia as denuncias e os incumprimentos.
"Se en lugar de ser o Concello de Sanxenxo, gobernado polo señor Telmo Martín, a problemática que estamos tendo fose nunha empresa particular, por exemplo Carpintería Manolo Pérez, agora mesmo estaría pechada. Non é entendible o que está pasando coa administración con respecto a este Concello", apuntou Manuel García.