Traballadores de Emerxencias de Sanxenxo protestan pola "nefasta xestión" municipal o 8 de agosto

Sanxenxo
03 de agosto 2025

Os traballadores indican que están "respaldados" por diversas plataformas veciñais e convocan a toda a poboación de Sanxenxo a partir das 19.30 horas na Praza dos Barcos para percorrer as rúas

Persoal do servizo de Emerxencias de Sanxenxo
Persoal do servizo de Emerxencias de Sanxenxo / Traballadores Emerxencias Sanxenxo

Os traballadores do servizo municipal de Protección Civil e Xestión de Emerxencias do Concello de Sanxenxo decidiron dicir "basta xa" e sairán á rúa.

O vindeiro venres, 8 de agosto, promoven unha manifestación de protesta polo que definen como "nefasta xestión" municipal do alcalde, Telmo Martín.

Os traballadores indican que están "respaldados" por diversas plataformas veciñais e convocan a toda a poboación de Sanxenxo a partir das 19.30 horas.

A protesta iniciarase cunha concentración na Praza dos Barcos e, a continuación, percorrerá a Avenida do Porto e as rúas Madrid e Augusto González Besada, para rematar no lugar de inicio.

A través dun comunicado, explican que pasaron máis de dous anos desde que Telmo Martín asumiu a Alcaldía e durante este tempo puxo en marcha unha "pésima" xestión que "non fai máis que aumentar o descontento entre veciños e traballadores municipais".

Así, sinalan que nos mandatos pasados a súa xestión baseouse en "obras faraónicas, privatizacións e faltas de respecto aos traballadores municipais".

Agora, ademais, segundo os traballadores, a situación é "insostible" porque "existen multitude de necesidades reais nas nove parroquias municipais, pero despilfarra millóns de euros en obras inútiles que moitas veces contan co rexeitamento frontal dos veciños".

Considera tamén que "despreza os traballadores municipais" con "faltas de respecto constantes, que moitos non se atreven a denunciar por medo a represalias".