Cen días de prisión para un veciño de Vilagarcía que incumpriu catro días o confinamento

O Salnés
27 de marzo 2020

O Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa condénalle por un delito de desobediencia e indica que actuou "con absoluto menosprezo á limitación da liberdade de circulación". O home mostrouse conforme coa pena, que poderá eludir se non delinque en tres anos

Juzgados de Vilagarcía de Arousa Mónica Patxot

Un veciño de Vilagarcía de Arousa acaba de ser condenado por incumprir as restricións do estado de alarma. O home saltouse o confinamento catro días e, ao cuarto, foi detido e posto a disposición xudicial. Finalmente, foi condenado a cen días de prisión, aínda que poderá eludir a pena se non delinque durante tres anos

A sentenza condenatoria ditouna o Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa e o sospeitoso mostrouse conforme coa pena, polo que non recorrerá a resolución. 

A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa considérao responsable dun delito de desobediencia e indica na sentenza que actuou sendo coñecedor "da vixencia do estado de alarma no territorio nacional" e "con absoluto menosprezo á limitación da liberdade de circulación que fora imposta e sen causa xustificada". 

O condenado foi interceptado por catro axentes da Policía Nacional sobre as 18.30 horas do xoves 26 de marzo cando abandonaba o seu domicilio sen motivo aparente. E xa era a cuarta vez que tiña un comportamento similar. 

Así, segundo consta na sentenza, xa fora denunciado administrativamente os días 16, 21 e 23 de marzo por incumprir o confinamento e saír á rúa sen motivo aparente.

A xuíza decretou a suspensión da pena imposta ao investigado durante tres anos, condicionada a que non delinca durante ese período.