Censuran a "falta de civismo" de Funzo e Baby Loud por animar o público a aglomerarse fronte ao escenario

O Salnés
16 de agosto 2021

Sucedía este domingo durante as Festas de San Roque en Vilagarcía de Arousa. A seguridade da organización atallou a situación de maneira inmediata, cortando o son, retirando do escenario aos artistas e disolvendo as 50 persoas agrupadas xunto ao palco

Funzo & Baby Loud Funzo & Baby Loud

O Concello de Vilagarcía de Arousa lamenta os acontecementos que se produciron este domingo durante o concerto de Funzo & Baby Loud que se desenvolvía na Xunqueira dentro da programación das Festas de San Roque.

O concerto desenvolveuse con normalidade e atendéronse as medidas sanitarias do protocolo anticovid. O problema xurdiu cando o público comezaba a abandonar o recinto. Segundo explican desde o goberno local, os artistas regresaron ao escenario e animaron aos espectadores que quedaban, na súa maioría público adolescente, a levantarse e achegarse ao escenario para bailar un tema máis.

A organización interveu de maneira inmediata e en dous minutos logrou evitar a aglomeración. Cortouse o son, os artistas foron retirados do escenario e o grupo de seguidores, disolto. 

O goberno local de Vilagarcía lamenta o que define como "falta de civismo" e mostra o seu malestar porque unha "saída de ton tan irreflexiva e fóra de lugar dos artistas, especialmente na situación de pandemia na que nos atopamos, faga que un concerto que se desenvolveu con total normalidade, termine de forma tan desafortunada e vaia lembrarse precisamente por iso". Recrimina, ademais, a posterior actitude dos artistas xactándose nas redes sociais da acción realizada e provocando á mocidade a saltarse as normas sanitarias.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora