Centos de persoas saen á rúa en Cuntis "por unha sanidade digna"

Umia
01 de novembro 2019

Centos de persoas, por momentos máis de 600, sumáronse na noite deste xoves á manifestación para reclamar á Xunta medidas ante as "deficiencias" coas que se atopan a diario. O alcalde advirte: "Cuntis non vai parar ata conseguir o que lle corresponde por lei" 

Manifestación en Cuntis 'por unha sanidade digna'
Manifestación en Cuntis 'por unha sanidade digna' / Concello de Cuntis

Centos de persoas, por momentos máis de 600, sumáronse na noite deste xoves á manifestación convocada en Cuntis para denunciar a deficiente atención sanitaria que está a recibir o municipio. 

A manifestación contou coa presenza de todos os grupos políticos que reclaman á Xunta que teña en conta as súas reivindicacións ante as "deficiencias" coas que a poboación se atopan a diario. O alcalde, Manuel Campos Velay, advertiu á administración autonómica que "Cuntis non vai parar ata conseguir o que lle corresponde por lei"

Todos marcharon tras o lema 'Por unha atención sanitaria digna' e percorreron as rúas máis céntricas do municipio. A continuación, os máis pequenos da localidade, usuarios do servizo municipal Cuntilín, leron un manifesto no reclamaron "que nunca máis haxa a necesidade de pedir algo que xa deberiamos ter".

"Por desgraza, estamos aquí unha vez máis pedindo un dereito co que xa deberiamos contar sen necesidade de ter que pedilo", comezou o manifesto, no que explican que esta manifestación fíxose necesaria pola "falta de persoal médico" no seu centro de saúde e a "dificultade" para conseguir citas que, cando llas dan, son "con excesiva demora".

Os manifestantes denunciaron que Cuntis "está a converterse nun pobo esquecido", xa que os seus veciños carecen de "algo tan esencial" como unha boa sanidade pública e, como colofón á súa protesta sinalaron que "non rogamos, esiximos a quen sexa necesario que se nos escoite e que se solucione xa este problema".

Entre as críticas veciñais que levaron a esta manifestación destacan que en Cuntis "adoece" de persoal para cubrir os servizos básicos necesarios.