Cuntis considera "insuficiente" as medidas do Sergas para mellorar o servizo do centro de saúde

Umia
13 de novembro 2019

Os voceiros dos tres grupos da corporación asinan un comunicado no que reiteran a súa petición de medidas eficaces para acabar co colapso no centro sanitario da vila termal antes da chegada do pico de gripe

Concentración ante o Centro de Saúde de Cuntis
Concentración ante o Centro de Saúde de Cuntis / Concello de Cuntis

Despois de manter un encontro co xerente da área sanitaria de Pontevedra, os voceiros dos tres grupos políticos que compoñen a corporación do Concello de Cuntis volven levantar a voz para protestar polo mal funcionamento do centro de saúde da vila termal.

Este novo comunicado, asinado polos líderes de PSOE, PP e Veciñanza, xorde despois das declaracións do xerente nas que acusaba os concelleiros de publicar información "sesgada e parcial" acerca da reunión mantida co responsable da EOXI.

Lembran os edís que o motivo daquel encontro era o de buscar unha solución á carencia de facultativos para prestar o servizo "en condicións aceptables" en Cuntis. "Valoramos como positivos os anuncios de investimentos feitos pola EOXI, pero ningún deles representa un compromiso concreto co centro de saúde de Cuntis", remarcan.

A única medida proposta, a de substituír a un médico durante catro horas á semana, "non é máis que un parche que non resolve ou problema", recoñecen os portavoces. Por iso insisten na súa petición de reforzar o servizo de Atención Primaria no centro de saúde para reducir as listas de espera "antes da chegada do pico de gripe de decembro".

Así mesmo, os tres grupos volverán solicitar por escrito unha reunión co conselleiro de Sanidade para facerlle chegar estas demandas de forma persoal.