Centos de veciños de Monte Porreiro empezan a batalla contra unha peonalización que "de ningún xeito imos consentir"

Pontevedra
24 de setembro 2021

Centos de veciños de Monte Porreiro secundaron este venres a protesta convocada pola asociación O Mirador e xa avisan que o vindeiro sábado 2 de outubro convocarán outra ás 18.00 horas na zona afectada da rúa Alemaña e o día 8 de outubro concentraranse ás 12.00 horas da mañá diante do  Concello de Pontevedra

Protesta da veciñanza de Monte Porreiro contra a peonalización / Mónica Patxot

Centos de veciños de Monte Porreiro secundaron este venres a protesta convocada pola asociación O Mirador para mostrar o seu rexeitamento ao proxecto municipal de peonalizar unha parte da rúa Alemaña deste populoso barrio pontevedrés. Concentrados en todas as vías de acceso á rotonda da ponte das Palabras, reclamaron ao Goberno local, cunha gran pancarta, " peonalización  non,  melloras se".

Os manifestantes portaron pancartas reivindicativas e leron un manifesto e no que xa advertiron que "empezamos as batallas dunha guerra" contra o proxecto de reforma tal e como está deseñado polo Concello e que esta é só a primeira dunha lista de mobilizacións. Nesta ocasión, contaron co apoio do voceiro do PP local, Rafa Domínguez

Así, o vindeiro sábado 2 de outubro convocarán outra protesta ás 18.00 horas na zona afectada da rúa Alemaña e o día 8 de outubro concentraranse ás 12.00 horas da mañá diante do Concello de Pontevedra. 

"Recordade, Xuntos non poden con Monte Porreiro", arengou o manifesto, que leu en nome de todos os veciños o presidente da asociación veciñal, Carlos Diéguez. 

Os veciños recoñecen que non saben canto vai durar esta guerra, que emprenden contra unha "tropelía" que, segundo sosteñen, quérelles "impoñer" o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez. A este edil estiveron destinadas boa parte das pancartas reivindicativas e consignas coreadas polos manifestantes. Chamáronlle "ditador" e pedíronlle, a berros, "Demetrio, dimite, Monte Porreiro no te admite" ou "Demetrio vete ya". 

Entre outras cuestións, os veciños repróchanlle que non se preocupa polo mantemento e conservación do barrio e por actuacións necesarias como a mellora de beirarrúas, iluminación, rede de sumidoiros, traída de auga, limpeza e roza ou melloras de zonas de lecer e biosaudables.

O arranxo da praza de Europa, "criadeiro de ratas e cagadeiro de cans", ou o mal funcionamento do transporte público son outras das súas demandas. Fronte a elas, critican que o  Concello quere "impoñernos de maneira dictatorial" o proxecto de peonalización, que "acordou consigo mesmo" y que "de ningún xeito imos consentir".

"Entendemos que non é preciso", insisten os veciños, que nas súas pancartas tamén lembran "Demetrio, no es no" e "Monte Porreiro en loita. Queremos limpeza e unhas aceras en condiciones. Non peatonalización. Demetrio, se non sabes gobernar, dimite".

Esta semana, tras coñecerse a convocatoria, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reiterou que no seu goberno están " abertos a negociar absolutamente todo", pero dentro duns "esquemas que son tratar de sacar dá parte  máis céntrica  do barrio ou tráfico de paso".