Desde o inicio desta semana ata sete centros de Atención Primaria da área Sanitaria de Pontevedra e Salnés realizan test rápidos de antígenos. En Pontevedra corresponde ao Ambulatorio Virxe Peregrina e o Centro de Saúde da Parda, no Centro de Saúde San Roque de Vilagarcía, en Vilanova, Cambados, Bueu e no Centro de Saúde de Baltar, en Sanxenxo.
A previsión que ten o Sergas é ampliar a realización destas probas aos restantes 44 centros de Atención Primaria existentes na área de Pontevedra e Salnés, entre o que queda de mes de novembro e a primeira semana de decembro.
Estas probas rápidas de detección de antígenos considéranse fundamentais para axilizar a confirmación de sospeita diagnóstica en casos clínicos de infección respiratoria. O seu uso é especialmente relevante en persoas sintomáticas de menos de cinco días de evolución. O procedemento é sinxelo, mediante pequenos kits que conteñen todo o material necesario para facer unha proba individual.
A súa principal vantaxe é a obtención dun diagnóstico rápido, xa que os resultados poden estar dispoñibles nun intervalo de quince a vinte minutos. Segundo sinala o Servizo Galego de Saúde "recentemente desenvolvéronse novos kits que presentan uns bos resultados de sensibilidade analítica en pacientes sintomáticos con menos de sete días de evolución".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.