Conforme van avanzando as fases de desescalada, o equipo de goberno de Cerdedo-Cotobade vai deseñando as diferentes actuacións para a volta á normalidade. Co obxectivo de recuperar a economía do municipio, o alcalde, Jorge Cubela, vén de anunciar a execución ao longo deste ano, e se é necesario con continuidade en 2021, dun Plan de Investimentos de algo máis de 8,3 millóns de euros.
Tras manter unha longa xuntanza cos concelleiros do goberno local, definiuse este programa orientado especialmente a seguir ampliando a rede de infraestruturas e servizos públicos e á necesaria reactivación económica e social tras a crise sanitaria do coronavirus.
O deseño do plan de actuacións acordado polo executivo local inclúe un total de catro obras impulsadas pola Xunta de Galicia, tres das cales xa en marcha, como a rede de saneamento de Tenorio (1,8 millóns de euros), a construción da nova Residencia da Terceira Idade de Cerdedo (1,7 millóns de euros) e a segunda fase do Centro de Fauna de Carballedo (250.000 euros). A cuarta actuación do executivo galego consistirá na segunda fase da rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo (750.000 euros), cuxa obra xa está adxudicada e a piques de comezar os traballos.
A estas obras en coordinación coa Administración autonómica súmanse outras tres actuacións impulsadas polo Concello, como son a construción do novo Centro Sociocultural de Tenorio (620.000 euros) e a rehabilitación integral dos Baños de San Xusto (680.000 euros), a humanización da travesía de Tenorio (800.000 euros), as vivendas sociais de Carballedo (374.000 euros), cofinanciadas pola Xunta, e a segunda fase do Local da Banda de Música de Tenorio (150.000 euros).
Nesta folla de ruta tamén figuran o ancheamento e remodelación do histórico Camiño do Quinteiro, en Tomonde (120.000 euros), a pista de Cabanelas a Viascón co Plan Marco (120.000), o ancheamento do acceso a Vila de Arriba (45.000), os pastizais de Deán e Valongo (200.000) e ata nove obras máis, que están a piques de formalizarse, ao abeiro do Plan Concellos 2020, cun investimento de case 700.000 euros.