Cerdedo-Cotobade busca empresas para o mantemento dos camiños municipais

Cerdedo Cotobade
21 de abril 2023

O Concello saca a contratación pública por 80.000 euros o proxecto para rózaa reperfilado e formación de cunetas de estradas e camiños municipais

Estrada de titularidade municipal no municipio de Cerdedo-Cotobade
Estrada de titularidade municipal no municipio de Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade saca a licitación pública a contratación do servizo de roza, reperfilado e formación de cunetas de camiños de titularidade municipal, que conta cun orzamento de saída de 80.000 euros.

O prazo de presentación de orfertas estará aberto ata o 4 de maio para que os interesados poidan ofertar o mellor prezo posible para afrontar 850 metros lineais de formación de cunetas de formigón, 26 kilómetros de roza e 70 kilómetros de reperfilado de cunetas.

A intención do Concello de Cerdedo-Cotobade con este procedemento de contratación é seguir mellorando a rede viaria interior do municipio despois de levar a cabo unha serie de actuacións marcadas polo asfaltado en quente de estradas, repintado de viais e reparación de pistas de titularidade municipal.

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar un plan de bacheado integral dos viais de titularidade en todo o termo municipal e agora con esta actuación preténdese avanzar pola vía da mellora na seguridade vial e preparar as cunetas dos camiños e estradas que vertebran as comunicacións interiores do concello para evitar que coa chegada das choivas se produzan problemas de falta de drenaxe que acaben por desencadenar situacións indesexadas.