O Concello de Cerdedo-Cotobade está buscando garantir o abastecemento e subministro de auga a todos os veciños e por iso puxo en marcha recentemente un plan de melloras para o almacenamento de auga que xa deu, como primeiros froitos, a construción de novos depósitos en Tomonde e Folgoso.
Esta iniciativa, que se prevé de gran importancia para o verán ante a seca destes últimos meses, vaise estender a outros puntos do municipio, xa que está prevista a creación doutros sete puntos de depósito en Vilalén, Tresaldeas, Quireza, Framil, Peniñas, Meilide e Cavenca-Revolta.
O goberno local, que adicou un investimento duns 90.000 euros á construción destes dous primeiros depósitos, efectuou en primeira instancia un estudo de arquitectura e enxeñería para garantir o subministro das aldeas e parroquias, xa que moitos dos depósitos presentaban deficiencias polo paso do tempo e padecían roturas e perdas de auga.
Posteriormente, celebráronse reunións veciñais para decidir a ubicación máis acaída para os novos depósitos, que serán complementarios dos antigos. Estes manteranse en funcionamento para atender posibles urxencias e que haxa unha dobre alternativa de abastecemento.
As novas infraestruturas contan con características comúns e están construídas en formigón con dúas cámaras de almacenamento que dispoñen de chaves de paso independentes para a realización das tarefas de vaciado ou limpeza.
Finalmente, esta actuación completarase coa mellora e ensanchamento das pistas de acceso a estes novos depósitos co propósito de facilitarlle a chegada aos veciños para que poidan acometer con comodidade as labores de limpeza dos mananciais.
ZONAS DE BAÑO FLUVIAL
As zona de baño de Carballedo (río Almofrei), a área do Pozo Negro en Rebordelo (río Almofrei), a contorna de Viascón (río Cabanelas) e o espazo recreativo de Xesteira (río Almofrei), presentan as mellores condicións para o baño ante a apertura da tempada o vindeiro luns. Todos eles veñen de obter un nivel "excelente" na calidade das súas augas, segundo os datos oficiais de mostraxe publicados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.