Cerdedo-Cotobade contrata vinte peóns forestais para previr incendios

Cerdedo Cotobade
01 de agosto 2018

Estes traballadores van a estar contratados durante os vindeiros seis meses, ata o 31 de xaneiro de 2019, a xornada completa e os seus salarios van ser asumidos con fondos propios. A súa labor vai consistir na limpeza e roza da moita masa forestal existente no termo municipal

Peóns forestais contratados por Cerdedo-Cotobade
Peóns forestais contratados por Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

Vinte peóns forestais incorpóranse ao plantel municipal de Cerdedo-Cotobade. Todos eles, segundo destaca o Concello, servirán de reforzo e complemento ao resto dos integrantes do programa de prevención de lumes despregado no municipio.

O presidente municipal, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza informativa co novo persoal para formalizar a sinatura dos seus contratos e darlle a benvida e as primeiras instrucións.

Estes traballadores van a estar contratados durante os vindeiros seis meses, ata o 31 de xaneiro de 2019, a xornada completa e os seus salarios van ser asumidos con fondos propios.

A súa labor vai consistir na limpeza e roza da moita masa forestal existente no termo municipal, con especial atención a puntos estratéxicos, bens municipais e lugares con elevado risco de incendio. Tamén servirán de apoio e servizo auxiliar aos equipos de extinción.

Este equipo de traballo servirá de reforzo ás dúas brigadas de extinción e aos tres condutores encargados da motobomba e o resto de maquinaria.

Ademais, o equipo de goberno tamén vertebrou moitas outras accións para impedir a aparición de incendios ou minimizar ao máximo os seus efectos.

Así, xestionouse con Medio Rural a construción dun depósito de auga para helicópteros de 500 metros cúbicos en Tenorio, que xa está operativo, e solicitouse á mesma consellería a creación dun cordón de protección no lugar de Parada de Tenorio.

Pola súa banda, desde o Concello tamén se está a desenvolver, desde o pasado mes de abril, unha esixente política de limpeza de fincas nos núcleos e nas súas franxas de protección. Inicialmente elaboráronse mapas detallados de todos os lugares do municipio e a continuación esixiuse o roza das parcelas, rexistrando unha gran colaboración por parte dos propietarios. 

Nos cincuenta casos nos que non se acometeron estes traballos procedeuse á correspondente apertura dun expediente sancionador.