Cerdedo-Cotobade pon fin ao programa especial de conciliación e comeza a preparar o inicio do curso lectivo

Cerdedo Cotobade
21 de agosto 2020

Este programa especial de conciliación primou as actividades ao aire libre e contou coa participación de algo máis dunha decena de nenos que pertencen a familias monoparentais ou nas que traballan os dous proxenitores e non contan con ningunha alternativa para o coidado dos rapaces

Festa de clausura do programa especial de conciliación
Festa de clausura do programa especial de conciliación / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de clausurar o seu programa especial de conciliación e deporte, que se orientou a axudar ás familias no coidado dos seus cativos naqueles casos nos que non dispoñían de ningunha alternativa. A actividade que tivo un formato reducido, con prazas limitadas, adaptado á actual situación sanitaria pola crise da Covid-19.

Así, este programa especial de conciliación, que se desenvolveu en Tenorio durante todo o mes de agosto, primou as actividades ao aire libre, contou coa participación de algo máis dunha decena de nenos que pertencen a familias monoparentais ou nas que traballan os dous proxenitores e non contan con ningunha alternativa para o coidado dos rapaces.

A xornada de clausura, que se celebrou no pavillón de Tenorio por mor da choiva, incluíu xogos e unha pequena exhibición das prácticas deportivas que aprenderon ao longo do presente mes para rematar co sorteo de agasallos entre os participantes, como un dron, unha cámara de fotos e camisetas.

Tras o peche do plan especial de conciliación, que o goberno local estimou necesario para dar resposta a certa demanda de familias sen alternativas de coidado, agora os esforzos centraranse na planificación, en colaboración coa Consellería de Educación, do comezo do curso lectivo, que arrancará o vindeiro 4 de setembro no caso das garderías e a mediados de mes para os demais centros públicos.

Así, o Concello quere coñecer os protocolos e adoptar diversas medidas, tal e como fai todos os anos pero neste caso centradas no eido sanitario, tendo en conta que existen ata seis centros de ensino: as dúas escolas infantís de Tenorio e Cerdedo, os tres colexios de Carballedo, Tenorio e Cerdedo e o IES de Cotobade.