Cerdedo-Cotobade solidarízase coa familia que perdeu a súa casa e a súa carpintería nun incendio

Cerdedo Cotobade
18 de xullo 2017

Para poder coordinar todas as accións que se puxeron en marcha, este mércores 19 de xullo o Concello convocou unha reunión ás 20.30 horas na Casa do Pobo de Tenorio

Incendio nunha nave industrial en Calvelo
Incendio nunha nave industrial en Calvelo / Diego Torrado

Veciños e politicos de Cerdedo-Cotobade puxeron en marcha unha serie de actuacións para poder prestar axuda á familia de Calvelo, na parroquia de Tenorio, que o pasado sábado perdeu tanto a súa casa como o seu medio de vida, unha nave industrial dedicada á carpintería, nun incendio

Para poder coordinar todas as accións que se puxeron en marcha, este mércores 19 de xullo o Concello convocou unha reunión ás 20.30 horas na Casa do Pobo de Tenorio.

Xa hai veciños que están a recoller axudas para a familia Amoedo-González e con esta reunión búscase coordinalos e mesmo analizar a creación dunha comisión veciñal que organice as tarefas e reparta zonas e esforzos. 

O alcalde, Jorge Cubela, anunciou que tanto o seu partido, o PP, como o outro grupo político con representación en Cerdedo-Cotobade, o PSOE, confirman a súa presenza na reunión e teñen un propósito de unirse e non politizar este xesto solidario. "O único fin que debemos ter nestes momentos é axudar a esta familia", publicou no seu perfil da rede social Facebook.