Cerdedo estreará a súa nova residencia de maiores nun prazo de 18 meses

Cerdedo Cotobade
19 de outubro 2018

As obras, nas que se investirán un total de 1,7 millóns de euros en tres anualidades, teñen un prazo de execución de 18 meses

Inicio da obra da residencia de Cerdedo
Inicio da obra da residencia de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo presidente da xunta xestora de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela López, asistiu este venres ao comezo das obras de ampliación do centro para atención aos maiores de Cerdedo.

A sinatura da acta de replanteo, que se levou a cabo nas dúas parcelas nas que se executará esta actuación, supón o inicio inmediato das obras, que teñen un prazo de execución de 18 meses e que acometerá a empresa Ogmios Proyecto S.L., seleccionada no proceso de licitación.

A construción dun edificio anexo ao actual que comparten centro de día e residencia, permitirá que o novo inmoble albergue a parte residencial, cuxa oferta pasará de 18 a 48 prazas, mentres que o inmoble que xa existe estará dedicado en exclusiva ao centro de día, mantendo este a súa capacidade máxima de 30 usuarios, pero mellorando polo tanto a calidade na prestación do servizo para os maiores.

O Consorcio investirá un total de 1,7 millóns de euros nesta actuación, repartidos en tres anualidades, dende o presente ano 2018 e ata 2020. As obras suporán 1.451.559,93 euros, reservándose a diferencia ata 1,7 millóns para os custos de dirección de obra e estudos, así como para o equipamento e amoblamento da nova residencia.

O edificio que se vai construír en Cerdedo ocupará dúas parcelas lindeiras ao actual inmoble do centro de día-residencia. Un deses terreos é propiedade do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e, o outro, foi adquirido polo Concello para posteriormente poñelo a disposición da administración autonómica.

A construción da nova residencia de Cerdedo será posible gracias ao convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Política Social do goberno galego e o Concello de Cerdedo-Cotobade.