Cerdedo pola Sanidade Pública continúa presentando reclamacións no centro de saúde

Cerdedo-Cotobade
16 de novembro 2022

O colectivo entregou cincuenta novas reclamacións veciñais pola situación de deterioro e precarización na atención sanitaria. Entre as reclamacións recollidas figuran as de residentes no Fogar Residencial de Cerdedo que reclaman un médico de Atención Primaria de luns a venres xa que se trata dun colectivo vulnerable cunha media de idade de 85 anos

Entrega de reclamacións no centro de saúde de Cerdedo polo deterioro da Atención Sanitaria
Entrega de reclamacións no centro de saúde de Cerdedo polo deterioro da Atención Sanitaria / Cerdedo pola sanidade pública

O colectivo Cerdedo pola Sanidade Pública entregaba este mércores 16 máis de cincuenta novas reclamacións veciñais no centro de saúde de Cerdedo para deixar por escrito as súas mostras de protesta pola situación de deterioración e precarización que, entenden, está a afectar á atención sanitaria no municipio durante os últimos anos.

Previamente, durante o verán, xa entregaran máis de duascentas reclamacións co mesmo obxectivo. Nesta ocasión trátase de queixas recollidas principalmente entre veciñanza do lugar de Fondós, en Quireza, e tamén entre residentes do Fogar Residencial de Cerdedo. Neste caso, as persoas usuarias demandan un profesional médico de Atención Primaria que consulte de luns a venres, xa que estes residentes teñen unha media de idade de 85 anos e necesitan dispoñer dunha atención médica continuada ao tratarse dun colectivo vulnerable. Sinalan que esta presenza médica evitaría sobrecargar de traballo ao PAC ou ao 061.

Desde Cerdedo pola Sanidade Pública piden unha atención médica diaria en horario normal, unha ambulancia medicalizada para atender urxencias na zona e a recuperación do servizo de matrona e pediatría, unha demanda que consideran fundamental para asentar poboación nova no rural.

Lamentan a diminución progresiva do orzamento sanitario da Xunta de Galicia desde 2010; a redución de persoal; a falta de cobertura de baixas, vacacións e permisos; e o peche de camas na época estival, entre outras cuestións que relacionan cos beneficios do sector sanitario privado grazas a este panorama. Afirman tamén que ante estas situacións a calidade de vida dos habitantes desta zona do municipio de Cerdedo-Cotobade empeora e corren perigo os seus dereitos básicos.