A igrexa de San Martiño de Salcedo, construída en 1754 e pechada desde 2018, volveu encherse este domingo despois dunha completa rehabilitación.
A reapertura foi oficial sete anos despois cunha cerimonia relixiosa presidida polo Arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, e marcada pola afluencia multitudinaria de fieis.
Entre os presentes estaba o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que lembrou que a rehabilitación supuxo un investimento da Xunta de Galicia de 379.500 euros.
O templo presentaba diversas patoloxías atribuídas ao paso do tempo, ás condicións meteorolóxicas e a intervencións executadas na segunda metade do século XX, que provocaron o peche.
Para poñerlle fin, executouse un proxecto de rehabilitación centrado na reparación da cuberta e do coro.

A intervención incluíu a renovación da cuberta substituíndo a actual por unha nova a base de tella e impermeabilizou os encontros da mesma coas torres.
Así mesmo, procedeuse a diversas accións que teñen que ver coa prevención da entrada de auga pola saída da escaleira ou para evitar o contacto do pavimento de madeira do interior coa humidade dos muros das fachadas.
Ademais, levouse a cabo a modificación das fiestras e colocación de carpinterías con ventilación nos pequenos ocos das torres e escaleira de subida ao coro. Tamén se eliminaron os rexuntados de morteiro de cemento e foron cambiadas as estruturas de formigón e ladrillo da cuberta por unha cun deseño similar ao do edificio orixinal.

A isto súmaselle a recuperación dos recheos dos riles das bóvedas, retirados inadecuadamente na última intervención do século XX, a restauración completa da estatua de San Martiño, a substitución da balaustrada e o establecemento de tirantes baixo o enlousado do coro por mor dunha progresión de movementos que pode derrubar os seus arcos e muros. A intervención rematou cunha limpeza das fachadas.
O conselleiro de Cultura sitúa este proxecto "na liña do compromiso que mantemos coa rehabilitación e conservación dos bens que forman parte do patrimonio cultural de Galicia" e sinalou que "unha vez máis volvemos poñer en valor os monumentos que forman parte da nosa historia, deteriorados co paso do tempo, devolvéndoos ás súas mellores condicións para as xeracións futuras".