O Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebrará este venres, 5 de xuño, constitúe o escenario elixido por Sogama para lanzar a súa nova campaña que, co lema "Cero escusas", ten por obxecto activar condutas reais entre a poboación coas que propiciar a reciclaxe, así como desmontar mitos e desinformacións asentadas que moitas veces impiden ou limitan a participación do cidadán, xerando un sentimento de apatía e desconfianza cara á correcta separación de residuos en orixe.
O cumprimento dos esixentes obxectivos europeos aprema e o tempo dispoñible redúcese. En maior ou menor medida, a poboación dispón da información e é coñecedora das pautas que debe seguir para colaborar na reciclaxe, pero moitas veces recorre a argumentos e pretextos, xa afianzados na rúa, cos que xustifica a súa inacción. Os máis habituais: "Non teño sitio en casa"; "Para que vou separar se logo o mesturan todo"; "Non sei onde debe ir cada residuo"; "Non teño tempo"; "Xa pago impostos para que separen as plantas"; ou "Xero pouco lixo e non ten sentido que separe", entre outros.

De escusas a oportunidades
A campaña pretende converter estas escusas, que actúan como barreiras, en oportunidades, e faino dándolles visibilidade, desmontándoas e substituíndoas por información clara sobre unha realidade ben distinta. Traballa así no concepto de corresponsabilidade para que cada un de nós achegue o seu gran de area.
Desta forma, a través dunha serie de recursos tales como unha landing page, vídeos, cuñas radiofónicas e banners, proporciónase información para mellorar o coñecemento do sistema de recollida selectiva de residuos en Galicia e diminuír erros na separación dos mesmos. Tamén para incrementar o uso de contedores específicos e outros servizos municipais, reforzar a percepción de utilidade do xesto individual e, sobre todo, vincular a segregación de residuos con orgullo colectivo e mellora do medio ambiente.
Tras relatar as escusas máis habituais, que comezan con "É que ….", utilizando a linguaxe habitual da rúa e diminuíndo resistencia á mensaxe, acto seguido procédese a desmontalas. En consecuencia, "Cero escusas" non apela a grandes discursos xenéricos, senón a pequenos cambios de comportamento a nivel individual que son perfectamente viables e absolutamente necesarios para avanzar no camiño da economía circular.

Personaxes próximos
Para reforzar a proximidade das mensaxes, a campaña creou uns personaxes estilo cartoon como recurso narrativo e visual. É o caso de Breixo, Yesenia, Sabela, Xiana, Yonatan, Vivian, Iago, Aldán, Mariña e Mariana, que ben puidesen ser o noso veciño, prima, xefe, amiga ou cuñado, é dicir, persoas da nosa contorna con certas reticencias a contribuír á reciclaxe que esta iniciativa bota por terra
Todos somos parte do problema, pero tamén podemos ser parte da solución. Non hai escusas para iso. A Galicia que queres comeza en ti. Separa mellor e contribúe a coidar do teu.
Landing web da campaña: https://www.sogama.gal/cero-escusas/

ChatBot e Onde Vai
A campaña complementa tanto o novo asistente conversacional baseado en intelixencia artificial (ChatBot) que Sogama implantou recentemente na súa páxina web co obxectivo de mellorar a atención dixital aos internautas e facilitar o acceso a información do seu interese, coma o buscador Onde vai?, dispoñible en www.sogama.gal/ondevai, que ofrece información sobre o contedor ou punto de achega correcto para ao redor duns 300 tipos de residuos domésticos máis habituais.