O goberno local ten previsto que o novo campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns, en Chan do Monte, estea listo antes de que finalice 2017. Este luns aprobábase o proceso de contratación que, segundo os pregos de licitación, establece un prazo de execución da obra de seis meses desde que se asine o contrato coa empresa á que se lle adxudiquen as obras.
No prego inclúense melloras ao proxecto que son potestativas das ofertas que se presenten en cuestións como o incremento do período de mantemento, a mellora dos equipamentos deportivos, instalación de peche perimetral e o portón de peche, a mellora dos espazos libres que deixe a demolición e a construción dos novos vestiarios.
O proxecto deste campo de fútbol de herba sintética contará cun terreo de xogo dunha superficie de 105x63 metros, que permitirá construír un campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA para poder ser utilizados en competicións oficiais.
Esta instalación contará con dous edificios, un dos vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermería e almacén para material. Tamén dispoñerá dunha sala de instalacións.
O segundo edificio substituirá á cantina, que será derrubada. A proposta contempla inmobles sinxelos cunha parede de vídrio, que dará ao campo.