O novo campo de fútbol de Gatomorto, en Xeve, está un paso máis preto de converterse en realidade coa aprobación do Concello ao expediente de contratación da obra.
Desta forma sae a licitación pública un proxecto no que se investirán 971.479 euros e cuxo prazo de execución, unha vez adxudicados os traballos, será de seis meses.
Raimundo González, responsable da contratación na administración local, explicou que se evitarán "novos desmontes" na zona aproveitando os traballos de explanación realizados no seu momento.
Nas súas característica, a instalación contará cun terreo de xogo de 105x63 metros, catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, unha enfermería, almacéns, cantina e aseos.
Ademais de todo iso, o Concello solicitará ás empresas interesadas que presenten nos seus proxectos melloras por valor de 110.000 euros, entre as que se inclúen o equipamento deportivo, o mantemento anual do céspede, un portalón ou un panel de formigón para a bancada.
O CAMPO DE FÚTBOL DE SALCEDO, EN TERREOS DESAFECTADOS POLA BRILAT
Paralelamente ás obras planeadas en Xeve, o goberno municipal continúa coas melloras e novos proxectos noutros campos de herba artificial, como a renovación xa en marcha da Xunqueira ou a adxudicación do campo de Chan do Monte, en Cerponzóns, na que se interesaron 23 empresas.
En canto a Salcedo, onde se busca unha nova localización para construír o campo de fútbol prometido, Raimundo González recoñeceu que se baralla a posibilidade duns terreos que serían cedidos pola comunidade de montes na zona que anteriormente ocupaba a base militar da Brilat.