COVSA construirá o campo de fútbol de Gatomorto

Pontevedra
06 de novembro 2017

Antes de que termine o ano, se non hai ningún impedimento, comezarán as obras de construción do campo de fútbol de Gatomorto, en Santa María de Xeve. Será a empresa COVSA a que execute este proxecto, cuxo custo ascende a 859.953 euros

Proxecto do novo campo de fútbol de Xeve
Proxecto do novo campo de fútbol de Xeve

Antes de que termine o ano, se non hai ningún impedimento, comezarán as obras de construción do campo de fútbol de Gatomorto, en Santa María de Xeve. Será a empresa COVSA a que execute este proxecto, cuxo custo ascende a 859.953 euros.

O prazo de execución é de seis meses, polo que o Concello garante que o campo poderá ser utilizado en todo caso para a próxima tempada deportiva 2018-2019.

Xunto coa oferta económica, a empresa ofreceu ampliar a cinco anos o mantemento das instalacións, a dotación de campos de fútbol 7, un peche perimetral do campo e diferentes melloras na urbanización de todo este ámbito. Estas melloras están valoradas nuns 110.000 euros a maiores.

Para a construción do campo, lembrou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, aproveitaranse as escavacións e os vestiarios que se fixeron no seu día para un campo que, posteriormente, quedou aparcado.

O terreo de xogo permitirá xogar a fútbol 11 ou dividilo en dous para fútbol 7. Terá catro vestiarios para os equipos e dous para os árbitros, o que permitirá un uso intensivo das instalacións.

O de Gatomorto será o segundo que se execute en Pontevedra este ano, tras o inicio das obras en Chan do Monte (Cerponzóns). Ademais, en diferentes estados de tramitación atópanse os campos de Campañó, Ponte Sampaio e Salcedo.

OUTROS ASUNTOS

A Xunta de Goberno, entre outros asuntos, tamén aprobou sacar a contratación a mellora de accesibilidade do camiño escolar do colexio Barcelos, por 85.279 euros. Adaptaranse todos os pasos de peóns na contorna do centro educativo. As obras executaranse en mes e medio.

Tamén se aprobou un contrato de patrocinio con Vaca Films, a produtora da película La sombra de la ley, rodada de forma parcial en Pontevedra durante o pasado verán. O filme, dirixido por Dani de la Torre, recibirá 42.000 euros.