O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, desprazouse este venres ao antigo campo de fútbol de Cerponzóns para visitar as obras que se están levando a cabo para a súa remodelación. Un proxecto ambicioso que se materializará nun terreo de xogo totalmente novo, de herba sintética e materiais recomendados pola FIFA.
O rexedor mostrouse satisfeito co estado dunhas obras "que comezaron en novembro e xa están moi avanzadas. A finais do mes de febreiro colocarase a herba sintética e a inauguración está prevista para abril".
O novo campo está preto de ser unha realidade, despois da instalación das torres eléctricas e os sistemas de drenaxe e rega, sendo este último "moi novidoso, por fases, o que permitirá ter a totalidade do campo regado en apenas quince minutos", sinalou Demetrio Gómez, concelleiro delegado na parroquia.
As instalacións contarán con vestiarios totalmente novos, de gran tamaño e destinados tanto a xogadores como a árbitros. Construiranse ademais dous almacéns, unha enfermería e unha cantina que terá unha nova localización.
En total realizarase un investimento de aproximadamente 1.027.000 euros, en convenio parcial coa Deputación, que busca dotar a Cerponzóns de "un equipamento totalmente novo, de calidade, ao que poderán dar uso outros equipos da cidade, debido á masificación das instalacións situadas non centro", comentou o alcalde. O proxecto forma parte dunha rede de instalacións deportivas que o Concello ten previstas en diferentes puntos da cidade.
Lores confirmou que o seguinte campo de fútbol en construirse será o de Santa María de Xeve, o cal "prevese que estea prácticamente rematado a finais de ano". Posteriormente continuarase cos proxectos de Campañó, Ponte Sampaio e Salcedo.
O rexedor e os técnicos sinalaron ademais a importancia do mantemento do campo tras a súa construción, que será de carácter mensual e anual co obxectivo de rendibilizar as instalacións e garantir o aproveitamento das mesmas.