VÍDEO.- Lores exhibe as súas habilidades futbolísticas no novo campo de Cerponzóns

Pontevedra
06 de xuño 2018

O alcalde visitou este mércores o novo campo de fútbol de herba sintética, o primeiro dos planificados no rural que é xa unha realidade, e animouse a poñer a proba a súa habilidade cun balón, aínda que a demostración non tivo o final esperado

Lores mostra as súas habilidades como futbolista no novo campo de Cerponzóns / PontevedraViva

O novo campo de fútbol de Cerponzóns, dotado de herba sintética de nova xeración e unhas instalacións totalmente renovadas, é xa unha realidade, converténdose no primeiro dos campos planificados no rural listo para o seu uso.

"Está rematado a falta de pequenos detalles que se rematarán esta semana", asegurou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha visita este mércores á renovada instalación.

Aproveitando a ocasión Lores atreveuse a poñer a proba as súas habilidades futbolísticas cun balón que esperaba estratexicamente no círculo central, aínda que o final da súa demostración non foi o esperado e terminou converténdose nunha graciosa anécdota ao golpear co coiro a un dos xornalistas que cubrían o acto.

Fóra de anécdotas, o investimento no campo de fútbol de Cerponzóns sitúase en aproximadamente un millón de euros. 

"Creo que quedou unha obra absolutamente espectacular, coa máxima calidade", recoñeceu o alcalde sobre o primeiro dos equipamentos no rural "que eran necesarios e que melloran substancialmente a capacidade que temos de acoller acontecementos deportivos".

Ademais o rexedor da capital non descartou ampliar a rede de campos de fútbol municipais con algunha nova instalación na zona urbana "para completar as necesidades de campos de xogo".

En canto a Cerponzóns, unha vez terminada a tempada deportiva "o que corre menos presa é  poñer unha data para inauguralo", sinalou o concelleiro Demetrio Gómez, que recoñeceu que está en conversacións con varios clubs para desviar maior actividade ao novo campo e de paso tentar desconxestionar os existentes na Xunqueira.

Tras esta obra, a seguinte en poñerse en marcha será a do campo de fútbol de Xeve "en cuestión de días", explicou o edil, mentres que Ponte Sampaio e Campañó están próximos á súa adxudicación e en Salcedo está a ultimarse o proxecto construtivo.