O Pontevedra cambia de base e establécese en Cerponzóns

Pontevedra
28 de novembro 2018

O primeiro plantel granate cambiou A Xunqueira polo recentemente estreado campo de Chan do Monte, onde desde esta semana realizará a maioría dos seus adestramentos

Campo de fútbol de Cerponzóns
Campo de fútbol de Cerponzóns / PontevedraViva

O renovado campo de fútbol de Chan do Monte, en Cerponzóns, converteuse no novo cuartel xeral do Pontevedra, máis aló dun Pasarón que durante o inverno só será utilizado en partidos oficiais.

O primeiro plantel granate viña adestrando a diario no campo da Xunqueira, con algunha sesión concreta en Cerponzóns como nas matinais dos sábados, pero desde esta semana decidiu dar un cambio á súa planificación.

A decisión tomouna o corpo técnico coa intención de "cambiar de superficie", explicou Luismi, xa que "A Xunqueira es un campo un poco más duro y arriba es un campo que está nuevo". 

Desta forma a maioría das sesións de adestramento celebraranse a partir de agora en Chan do Monte (mércores, xoves e sábado), fóra dos días de recuperación (luns) ou de maior carga de táctica e estratexia (venres), cando se adoita programar sesión de vídeo en Pasarón recorrendo de novo á Xunqueira.

Esta instalación, recentemente reformada, é utilizada tamén polo equipo xuvenil de División de Honra do Pontevedra, que o pasado domingo recibiu alí en liga ao Celta de Vigo.