Un accidente de tráfico no que, aparentemente, estivo involucrado unxabaril, volveu a poñer sobre a mesa un asunto que preocupa á veciñanza de Cerponzóns.
Foi un sinistro que, segundo informa a asociación de veciños O Chedeiro, sucedeu contra as once da noite deste martes de Entroido.
Uns metros despois da nave que albergou o supermercado Día, situado na parroquia de Alba, foi localizado un xabaril de gran tamaño morto na calzada, presumiblemente tras ser golpeado por algún vehículo.
Os veciños aseguran que "non se trata dun feito illado", xa que denuncian que este tipo de situacións veñen repetíndose a cotío.
Isto converte este tramo nun "punto de risco" tanto para os condutores como para os propios animais.
Sosteñen que un encontro inesperado cun animal destas dimensións "pode provocar accidentes de graves consecuencias", polo que consideran "imprescindible" que as administracións competentes adopten novas medidas preventivas.
Entre elas, demandan que o Ministerio de Transportes, o titular da N-550, reforcen os elementos xa existentes para reducir o perigo e garantir a seguridade viaria.
"Facemos un chamamento a buscar solucións eficaces antes de que teñamos que lamentar danos persoais, pois non podemos normalizar unha situación que supón un risco evidente para quen transita por esta vía diariamente", subliñan desde O Chedeiro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.