Os datos presentados este mércores pola concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, o municipio de Pontevedra mantivo a cifra de cero falecidos en vías urbanas, unha constante desde 2011. e tamén logrou reducir drasticamente a gravidade dos sinistros.
Os datos mostran que o número de feridos graves caeu practicamente á metade respecto ao ano anterior.
Ao longo de 2025, a Policía Local interveu nun total de 569 accidentes, o que supón un lixeiro descenso fronte aos 593 rexistrados en 2024. Se se contabilizan tamén os partes amigables nos que non foi necesaria a presenza policial, a cifra total ascende a 988 incidentes.
Aínda que o volume de sinistros con vítimas experimentou unha repunta (132 accidentes con 158 persoas afectadas, fronte ás 115 do ano anterior), Vilaverde destacou que a clave reside na levedade das lesións.
En 2025, só 7 persoas resultaron feridas de gravidade (con máis de 24 horas de ingreso hospitalario), unha cifra significativamente inferior aos 13 feridos graves de 2024.
"Non podemos evitar todos os accidentes, pero si podemos baixar a probabilidade de que sexan graves", sinalou a concelleira, quen vinculou estes resultados ao modelo de mobilidade que prioriza o tránsito peonil e a velocidade moderada.
As estatísticas policiais amosan que o tipo de accidente máis frecuente en Pontevedra é o choque contra un obstáculo fixo (186 casos), seguido da colisión frontolateral (62) e o alcance (44).
No que respecta aos novos modelos de mobilidade, os Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP) como os patinetes eléctricos estiveron implicados en 18 accidentes e as bicicletas en 10, mentres que os turismos seguen a ser o vehículo maioritario con 726 unidades implicadas.
Polo que respecta aos principais puntos de sinistralidade, cinco vías concentran a maior parte das intervencións:
-
Avenida de Montecelo (28 accidentes)
-
Avenida de Bos Aires (21)
-
Avenida de Lugo (18)
-
Avenida de Vigo (17)
-
Eduardo Pondal (15)
ATROPELOS
Un dos puntos críticos de calquera cidade son os atropelos. En 2025 rexistráronse 34 atropelos con 36 persoas afectadas, a maioría deles (20) en pasos de peóns sen semáforo.
Malia a vulnerabilidade do peón, a baixa velocidade de circulación permitiu que soamente unha persoa sufrira feridas graves, mentres que a gran maioría recibiu alta tras pasar por urxencias.
Finalmente, a vixilancia policial tamén se traduciu en actuacións xudiciais. Un total de 92 dilixencias foron derivadas ao xulgado por delitos contra a seguridade viaria relacionados coas alcoholemias, e 25 por perda de puntos do carné.
No marco específico dos accidentes, realizáronse 313 probas de alcoholemia, das cales 15 resultaron positivas e 3 condutores negáronse a realizalas.
Vilaverde concluíu salientando que, aínda que as cifras totais adoitan oscilar entre os 500 e 600 incidentes anuais, a estabilización cara á baixa da gravidade manifesta a eficacia do deseño urbano pontevedrés.