Cespa e traballadores chegan a un preacordo. Se o persoal o ratifica desconvocarase a folga

Pontevedra
20 de decembro 2016

O comité de empresa e os representantes Cespa-Ferrovial, a concesionaria do servizo de limieza e recollida de lixo en Pontevedra, alcanzaron este martes un preacordo sobre o novo convenio colectivo. Para este mércores foi convocada unha asemblea de traballadores para ratificar en votación o acordo alcanzado hoxe, o que supoñería a desconvocatoria da folga prevista para este domingo, día de Nadal

Traballadores do servizo de limpeza viaria da cidade
Traballadores do servizo de limpeza viaria da cidade / Mónica Patxot

O comité de empresa e os representantes Cespa-Ferrovial, a concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo en Pontevedra, alcanzaron este martes un preacordo sobre o novo convenio colectivo.

Para este mércores ás 20.00 horas en salón de actos do edificio sindical foi convocada unha asemblea de traballadores para ratificar en votación o acordo alcanzado hoxe, o que supoñería a desconvocatoria da folga prevista para este domingo, día de Nadal.

Segundo informou o presidente do comité de empresa de Cespa en Pontevedra, Juan Carlos Corredoira, a clave neste xiro nos acontecementos foi a decisión da patronal de retirar da mesa de negociación o polémico concepto da antigüidade. Despois de tres horas de negociacións na sede da empresa na rúa Andrés Muruáis a empresa cedeu ás pretensións dos traballadores.

Segundo o preacordo alcanzado este martes, cada traballador poderá negociar o concepto de antigüidade de forma individual.

Antes a empresa non quería que se aplicase este conceto a aqueles traballadores sen contrato indefinido, a pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñece que todos os empregados teñen dereito a ese plus, mentres que os representantes sindicais sinalaban este punto como innegociable porque produce unha situación de desigualdade entre o persoal e ademais en poucos anos, un terzo do persoal formado por 125 traballadores veríase afectada por esta decisión e non cobraría a antigüidade que podería alcanzar o 15%.

O comité de empresa confía en que a maioría dos traballadores acepten os termos do acordo alcanzado este martes e, consecuentemente, se desconvoque a folga.