Chamada de atención para reivindicar os dereitos da muller

Pontevedra
06 de febreiro 2018

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocaba unha concentración este martes na Praza da Peregrina na que se realizaba un chamamento á folga exclusivamente feminina que terá lugar o próximo 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller.

Chamamento á folga de mulleres do 8 de marzo
Chamamento á folga de mulleres do 8 de marzo / Gabriela Varela Asorey
Paca Ferradás, responsable da muller en CIG sobre os paróns do 8 de marzo /

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocaba unha concentración este martes 6 para realizar un chamamento a todas as mulleres nos ámbitos profesionais, educativos e persoais para protestar pola desigualdade con respecto aos homes, que a día de hoxe aínda está presente.

O grupo liderado por Paca Ferradás, responsable da muller de CIG na comarca, levou a cabo un acto na céntrica praza con carteis, bandeiras e un megáfono ao berro de "8 de marzo, mulleres en folga", buscando concienciar ás mulleres para unirse ás protestas que terán lugar en 57 países.

Esta reivindicación non se limita só á desigualdade no traballo, senón que tamén busca chamar a atención sobre machismo e a violencia de xénero en todo o territorio, un dos maiores problemas de actualidade.

Ao longo do país terán lugar paróns da actividade por parte das mulleres nos horarios 00:00 - 02:00, 12:00 - 14:00, e 19:30 - 21:30 para cubrir a xornada de traballo de todas as mulleres. A isto súmase a convocatoria de asembleas informativas en 1.200 centros educativos de todo o país.

Esta folga de carácter xeral vén precedida polas concentracións impulsadas polos colectivos feministas en 2017, que tras a gran acollida nas mobilizacións do Día da Muller dese ano xestou durante os seguintes meses a folga xeral feminina e os paróns que terán lugar este 2018, nos que se espera un récord de asistencia.

Algunhas das protestas realizadas son a dificultade de promoción nos postos de traballo, as malas condicións laborais que sofren as mulleres polo feito de ser nais ou o que de media as mulleres cobren o 77,7% do que cobra un home polo mesmo traballo, evidenciando a fenda salarial pola que se protesta. Por isto, Paca Ferradás afirmaba que "abonda xa de discriminación e de violencia contra as mulleres".