Chamadoira honra a San Bartolomé con verbena, churrasco e paella

Cerdedo Cotobade
21 de agosto 2024

A tenente de alcalde, Lourdes Ovelleiro; a concelleira Belén Casado; e membros da comisión de festas fixeron público o programa lúdico-festivo. A gran verbena estará amenizada polo dúo Prisma e a disco móbil Ememusic. Ao remate, de madrugada, a Comisión de Festas servirá aos asistentes a tradicional chocolatada 

Presentación das festas de Chamadoira
Presentación das festas de Chamadoira / Concello de Cerdedo-Cotobade

Chamadoira, en Cerdedo-Cotobade, estará en festas esta fin de semana. Na honra de San Bartolomé, organizaron unha programación que durará toda a xornada do sábado 24 de agosto.

A tenente de alcalde, Lourdes Ovelleiro; a concelleira do grupo de goberno Belén Casado; e membros da comisión de festas fixeron público o programa lúdico-festivo.

A festa comeza pola mañá cedo cun pasarrúas a cargo da Banda de Música de Cerdedo, que tamén será a encargada de acompañar a procesión e ofrecer un posterior concerto despois da misa solemne das 12:30 horas.

A partir das 21.00 horas, venderanse churrasco e racións de paella a prezos populares e no bar haberá tamén café e queimada.

Será o preludio da chegada da hora da gran verbena, que estará amenizada polo dúo Prisma e a disco móbil Ememusic.

Ao remate, de madrugada, a Comisión de Festas servirá aos asistentes a tradicional chocolatada para repoñer forzas.

Lourdes Ovelleiro felicitou aos membros da Comisión de Festas, agradeceulles o esforzo e confirmou de novo o apoio do Concello a estas festas a través do Plan Cultural Municipal.