Chamamento cidadán da Federación Castelao para evitar que o futuro aparcadoiro do Hospital Montecelo sexa de pago

Pontevedra
06 de novembro 2023

Juan Manuel Loureiro, presidente do colectivo, manifestou que un aparcamento ao aire libre, como está previsto, debería ser gratuíto. A Federación veciñal quere manter encontros con outros colectivos da área sanitaria para iniciar protestas contra esta decisión da Xunta de Galicia: "interesa máis a sanidade privada que a pública"

A Federación Castelao oponse o estacionamento de pago en Montecelo Mónica Patxot

"O aparcadoiro non pode ser privado nin por asomo, non podemos pagar esas cuotas, e hai que favorecer o transporte urbano si ou si", con estas palabras Juan Manuel Loureiro, presidente da Federación veciñal Castelao, mostraba o malestar dos colectivos que integran esta agrupación ante a publicación no DOG do proxecto para construír o aparcamento de pago para o novo Hospital Montecelo.

"Todos os que estamos aquí quedamos con sorpresa de que vai ao aire libre", apuntou o representante veciñal sinalando que ante esa situación "non entedemos por que ten unha empresa que levar un canon". Tamén mostran a súa sorpresa polas tarifas ante o anuncio de que a primeira media hora por estacionar nalgunhas das 892 prazas é gratuíto, pero a segunda media hora ascende a 90 céntimos, case alcanzando o euro que custará unha hora de aparcamento. "Parécenos desatinado, unha loucura", expuxo Loureiro.

Fixo comparativas co diñeiro que a Xunta de Galicia ten contemplado nos orzamentos do 2024 noutras partidas como as viaxes destinadas a persoas maiores ou para o Camiño Xacobeo, con once millóns de euros, a mesma cifra en que se avalía o investimento para crear o aparcamento hospitalario, "e non os temos para Montecelo e hai que adxudicalos a unha empresa", indican desde a Federación Castelao ante a privatización da xestión do párking.

"Se a empresa despois di que non lle dá, seguimos pagando con cargo aos orzamentos a esa empresa durante 25 anos?", pregúntase Loureiro ante a ampla adxudicación prevista para a empresa que se faga cargo dese proxecto. 

Juan Manuel Loureiro: "buscaremos alternativas para que se nos escoite por parte da Xunta, o Sergas ou quen sexa"

Anuncian que convocarán a representantes da Plataforma SOS Sanidade e ao movemento veciñal da área sanitaria para organizar protestas e evitar o "escándalo". 

"Queremos facer un chamamento a todos os pontevedreses e pontevedresas da área sanitaria e buscaremos alternativas para que se nos escoite por parte da Xunta, o Sergas ou quen sexa", engadiu Juan Manuel Loureiro que concluíu alertando de que a aposta por un aparcamento de pago é unha "decisión política" co obxectivo de favorecer á sanidade privada. 

MELLORA DO TRANSPORTE PÚBLICO A MONTECELO

A Federación tamén demanda unha mellora no transporte público e pide lanzadeiras desde a estación de autobuses a Montecelo con incremento de viaxes durante a fin de semana.

"Son dous buses á mañá e outros dous á tarde, ao ser transporte radial, que circunvala Pontevedra, a frecuencia de viaxes é pouca", explican desde a Federación solicitando que se reforcen esas liñas con viaxes directas ata o centro hospitalario co obxectivo de que se evite o transporte en vehículo privado ata a zona.

Alertan, ademais, do temor que tamén existe entre o persoal sanitario que traballa no centro hospitalario a perder o servizo de transporte establecido actualmente polo Sergas para facilitar o traslado a Montecelo.