Chancelas estrea o novo paso de peóns con semáforo de pulsador

Poio
30 de abril 2020

Trátase dunha actuación da Xunta complementaria ás proxectadas para a mellora da seguridade viaria entre Combarro, Chancelas e Samieira e que contou cun orzamento de 38.000 euros

Paso de peóns con semáforo en Chancelas
Paso de peóns con semáforo en Chancelas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou este xoves a conclusión dos traballos de instalación dun novo paso de peóns con semáforo na estrada autonómica PO-308 en Chancelas.

Esta actuación, executada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade contou cun importe de case 38.000 euros e tivo como obxectivo "dar resposta a unha demanda dos veciños desta zona, que solicitaron medidas que lles faciliten os cruzamentos en condicións de seguridade", explicou Tourís.

Neste sentido, segundo matizou o delegado territorial, a Axencia Galega de Infraestruturas avaliou varias alternativas e determinaron acometer a que permite garantir en mellores condicións a seguridade dos usuarios.

Trátase da instalación dun semáforo con pulsador detrás da parada de autobús para que os cruzamentos se fagan con seguridade e na habilitación dun pequeno refuxio para situar o semáforo e para a espera dos cidadáns.

Esta actuación complementarase posteriormente coas obras de mellora de seguridade viaria recollidas no proxecto de senda entre Combarro, Chancelas e Samieira.