Antonio Gómez Rivera, ex presidente da xa antiga Cámara de Comercio de Pontevedra; e Charo Lorenzo Pontevedra, ex secretaria do ente, sentarán no banco e enfrontaranse a unha condena dun ano e seis meses de prisión, o pago dunha multa de 10 meses a 10 euros diarios e oito anos de inhabilitación especial para os cargos que ambos exercían, e dos que agora xa están apartados.
Será o primeiro xuízo para Gómez Rivera, pero o segundo xa para Charo Lorenzo, que xa foi xulgada e condenada coa súa conformidade polos presuntos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e suborno que deron lugar a este novo procedemento. Neste caso, xúlgaselles a ambos polo despedimento por represalias de tres dos catro traballadores da Cámara que denunciaron ante a Fiscalía as prácticas presentamente irregulares na oficina deste ente en Brasil polas que finalmente foi condenada a ex secretaria.
Aínda non se sinalou a data do xuízo, pero o fiscal do caso, Juan Carlos Aladro, si remitiu ao Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra o seu escrito de acusación, no que considera que ambos os ex responsables da Cámara son autores dun delito contra a Administración de Xustiza en concurso con outro de prevaricación administrativa.
Para ambos presenta a mesma acusación e solicita a mesma condena, que inclúe que, como indemnización e en concepto de dano moral, os dous acusados, de forma conxunta e solidaria, deberán abonar 3.000 euros a cada un deles
A partir da denuncia dos traballadores ante a Fiscalía, o fiscal considera que Lorenzo, na súa condición de xefa de persoal, e Gómez Rivera, como presidente en funcións, "levaron a cabo unha serie de actuacións en resposta á denuncia presentada e movidos pola intención de causar un prexuízo a quen a presentaba", segundo o escrito do fiscal ao que tivo acceso PontevedraViva.
Estas accións concluíron co despedimento acordado por unanimidade polo comité executivo, de tres dos empregados denunciantes, pero non do cuarto denunciante por ser delegado de persoal. No seu despedimento, o fiscal considera que foi "decisiva a participación" de Charo Lorenzo, quen como denunciada principal polas actividades da oficina de Brasill, "procedeu a realizar cantas actividades fosen necesarias para propiciar a resolución finalmente acordada".