Chega un Nadal “máxico para maiores e pequenos” a Poio

Poio
30 de novembro 2024
Actualizado: 21:40

Veciñas e veciños achegáronse ata a Praza do Mosteiro para a festa de benvida a esta época do ano.  O momento central foi o tradicional acendido das luces, protagonizado pola Fundación Juan XXIII

Inauguración da iluminación de Nadal de Poio Concello de Poio

Poio xa ten ambiente de Nadal. Veciñas e veciños achegáronse este sábado ata a Praza do Mosteiro para a festa de benvida a esta época do ano. 

O momento central foi o tradicional acendido das luces de Nadal, que este ano protagonizou o alumnado da Fundación Juan XXIII

Na cita, a partir das 18.30 horas, non faltaron animación, música, maquillaxes e globos e houbo chocolate e rosca de balde para todos.

O ambiente festivo incluíu fogos de luces e bengalas e tivo como colofón a presentación do espectáculo deste Nadal, Bulelandia  inspirado en Charlie e a fábrica de Chocolate e que será o fío condutor de toda a imaxe, proposta escénica, vestiarios e contido destas festas.

O alcalde, Ángel Moldes, agradeceu a implicación das máis de corenta asociacións que colaboran e destacou que "Poio ten o Nadal máis máxico e participativo" grazas á axuda de tantos colectivos e de tantas persoas.

Con este acto, Poio abre unha programación participativa que ofrece preto de 60 actuacións para toda a familia e chegará a todas as parroquias do municipio.

Moldes animou a toda a veciñanza e visitantes a percorrer todo o concello, cada unha das sete Aldeas de Nadal e a carpa Poio Máxico, pois serán "os verdadeiros puntos de encontro e diversión para toda a familia este Nadal".

As Aldeas de Nadal están situadas na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño.

O Goberno local aspira a "converter ao Nadal de Poio nun referente" cun Nadal "con personalidade propia" que ofreza un concello máis atractivo e dinámico.

Este luns continúa a programación na biblioteca municipal, onde se organizará un Obradoiro de Nadal e se decorará a instalación a partir das 16.30 horas.