Chega 'Primavera en Poio' para ir abrindo boca para sete meses de música

Poio
29 de marzo 2023

O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, presentou este mércores o cartel completo da programación da primeira edición do ‘Primavera en Poio’, que abrirá este venres coa actuación do Grupo América de Vigo nas inmediacións do porto de Raxó

Presentación de Primavera en Poio
Presentación de Primavera en Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio suma unha nova iniciativa á súa actividade musical e lúdica, ‘Primavera en Poio’, que servirá para iniciar un ciclo de concertos e actuacións gratuítas durante os vindeiros sete meses.

O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, presentou este mércores o cartel completo da programación da primeira edición do ‘Primavera en Poio’, que traerá ao municipio a varias das grandes orquestras de referencia de Galicia, así como con grandes grupos.

O ciclo abrirá este venres coa actuación do Grupo América de Vigo nas inmediacións do porto de Raxó.

Acompañado polas concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez, o concelleiro de Festexos lembrou que esta fin de semana será unha das máis fortes dentro desta programación, toda vez que o sábado actuará Los Satélites no adro da igrexa de San Salvador e o domingo Panorama chegará á Praza da Chousa de Combarro.

O sábado 29 de abril será a quenda do Festival Sons de Ánkar, que vivirá a súa cuarta edición estreando formato e data. Actuarán Tanxugueiras, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e Treixadura no Parque de Ánkar de San Salvador, desde as 19.00 horas.

O domingo 30 a música continuará en Samieira, na Praza Alfredo Romay, coa orquestra Marbella.

O peche ao ‘Primavera en Poio’ será o martes 16 de maio, na véspera do Día das Letras Galegas, con París de Noia e Los Coleguitas, na Praza da Granxa de Campelo.

Martínez aproveitou para adiantar que o Concello xa ten pechada practicamente toda a programación correspondente ás festas e citas de referencia na temporada estival

Iniciarase en xuño coas Festas de San Xoán e prolongarase ata finais de setembro coa Festa da Merced. "Mantemos a nosa filosofía de espallar por todas as parroquias actuacións e concertos con artistas de renome, ao tempo que introducimos algunhas novidades, como o Festival Chalana, que terá lugar en agosto e que traerá a Raxó a Álvaro de Luna", lembrou.