Chegan catro novas empresas ao viveiro de empresas en Barro

Barro
18 de setembro 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou a boa marcha deste polígono e do seu viveiro "que para nós ten unha gran importancia porque é un gran dinamizador da economía da nosa provincia"

A presidenta da Deputación asinou convenios cos novos viveiristas
A presidenta da Deputación asinou convenios cos novos viveiristas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este luns os convenios para a instalación de cinco oficinas de catro novos emprendedores no viveiro de empresas do polígono de Barro.

Carmela Silva destacou a boa marcha deste polígono e do seu viveiro "que para nós ten unha gran importancia porque é un gran dinamizador da economía da nosa provincia".

Segundo informou Carmela Silva, unha das empresas que asinou este luns dedícase ao tratamento de auga para o hoteis, restaurantes e cafeterías; outra das empresas, de nome SCN Shop, dedícase ao comercio polo miúdo de artesanía de papel; Inoga está especializada en servizos integrais de enxeñeira civil, arquitectura e construción pública e privada; e finalmente a sociedade Unosiete Conecta e Aforra, traballa na intermediación de comercio e distribución de toda clase de artigos, produtos e servizos a través de internet, catálogo e presencial con axentes comerciais.

A día de hoxe o viveiro de Barro ten ocupadas once naves e outras dúas solicitudes están en tramitación. Carmela Silva destacou que no caso das oficinas "temos ocupadas 16 e tres novas solicitudes polo que chegaremos ás 19 e saben que son 24 as dispoñibles".

A Deputación de Pontevedra iniciará en breve o proxecto de coworking, co Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI). A iniciativa ten un importe de 800.000 euros e son catro edicións de formación. A primeira comezará o día quince de outubro 

A presidenta provincial lembrou que outra das iniciativas que se poñerán en marcha no viveiro no último trimestre do ano, é o denominado Fab Lab, un laboratorio creativo de fabricación dixital e impresión. Trátase dun servizo moi demandado polos emprendedores e os propios viveristas instalados en Barro.