Chelo Besada pon fin a súas dúas décadas de carreira política nun emotivo pleno de despedida

Poio
23 de febreiro 2022

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado polos membros do goberno local, fixo entrega dun obsequio conmemorativo a Besada, no que foi o seu último día na Administración municipal

O goberno local de Poio entrega un agasallo a Chelo Besada no seu último día como concelleira
O goberno local de Poio entrega un agasallo a Chelo Besada no seu último día como concelleira / Concello de Poio

O Pleno da Corporación deste mes de febreiro supuxo o punto e final á traxectoria dun dos referentes da política municipal de Poio. Quen foi ata hoxe tenente de alcalde desde 2007, a socialista Chelo Besada, certificou a súa retirada da Corporación durante a sesión plenaria, da que formou durante máis de dúas décadas.

Besada pon fin a súa traxectoria por razóns “exclusivamente familiares e persoais”, tal e como sinalou na súa intervención, que imposibilitan “que poida continuar dando o 110% pola miña veciñanza, como veño facendo desde hai xa tanto tempo”.

Antes do Pleno, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, fixo entrega a Chelo Besada dun obsequio conmemorativo. Acompañado polos integrantes do goberno municipal, o rexedor salientou “a implicación e traballo que realizou durante todos estes anos formando parte deste goberno”.

Neste sentido, Besada sinalou que “para min foi unha honra e un auténtico privilexio formar parte desta Corporación desde 1995”. Ademais, lembrou que leva ostentando a Tenencia de Alcaldía sen interrupcións desde 2007. “Durante todo ese tempo, a confianza que depositou en min a veciñanza permitiume ser parte activa á hora de impulsar proxectos, obras e iniciativas que, sen dúbida, serviron para mellorar a calidade de vida da nosa xente e para facer de Poio un lugar atractivo e un municipio de referencia, que non deixou de medrar nos últimos anos”.

A socialista estendeu os seus “agradecementos infinitos aos meus compañeiros e compañeiras de partido e do goberno, así como aos traballadores municipais” e asegurou que “lévome comigo moitas experiencias como concelleira de Poio. Grazas a todas as persoas que me permitiron formar parte desta aventura”.

Chelo Besada iniciou a súa traxectoria no goberno local en 1995, asumindo as competencias de departamentos como Xuventude, Servizos Sociais e Igualdade. Desde 2007, ademais de ser a tenente de alcalde, foi a responsable das áreas de Obras, Servizos Municipais e Pesca e Marisqueo.

Unha vez confirmada a súa retirada, está previsto que nas vindeiras semanas se convoque outro Pleno extraordinario para que tome posesión como concelleiro o socialista Julio Casás, que asumirá esa concellería.