A Festa da Ostra viviu este domingo o seu día grande cun éxito masivo de asistencia e de venda do seu produto estrela, as ostras ao natural.
Máis de 30.000 persoas pasaron pola festa durante toda a fin de semana, segundo destacaron desde a organización.
O tempo acompañou nesta xornada e a xente non fallou. Milleiros de persoas acudiron a gozar da festa e a degustar as ostras que se serviron nas carpas.
Entre as degustacións tamén tivo moito éxito a gastro experiencia OsTrés, conformado por tres cociñados de ostras: ostra "A Touca" á galega con ramallo de mar, ostra adobada en salsa teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque e ostra en escabeche tradicional.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu o "enorme" traballo realizado polos funcionarios do Concello, ostricultores, adegueiros e todas as persoas que estiveron involucradas con esta edición e fixeron que fora un "rotundo éxito".

"Un ano máis síntome orgulloso do noso pobo e do cariño co que trata e co que se vive a Festa da Ostra", engadiu o alcalde, que tamén destacou o papel de Joaquín Lema, o cociñeiro da gastro experiencia OsTrés, e a súa implicación con esta festa.
A xornada comezou co pasacalles da Banda Artística de Arcade e da Banda Cultural de Arcade que encheron de música e de alegría as rúas desta parroquia. Unha vez que chegaron ao peirao ofreceron un pequeno concerto ante os asistentes que xa estaban na carpa.
O momento máis emotivo viviuse co pregón do monologuista e contador de historias Celso Fernández "Celsiño", lalinense de nacemento pero residente en Soutomaior.
Comezou a súa intervención apelando a súa sorpresa por ser o pregoeiro desta edición, "unha persoa do interior e non da costa", pero como lle dixo o seu amigo, Jose Luis Gutiérrez, tamén contador de historias, "no interior estivemos sempre condenados ao ostracismo".
"Celsiño" falou das ostras como falaría das castañas, "un froito gardado nun envoltorio protector", igual que as ostras, das que destacou que "abrir e comer directamente do mar unha ostra é coma comer unha castaña apenas cocida en leite ó que lle engades unha area de sal".

Foi un pregón onde o autor dixo que Arcade é capaz de facer democrática a ostra porque "nesta festa podemos comer coma reis e podemos comer coma curas".
Tras a súa intervención, o grupo Fernando Sánchez Jazz Cuartet amenizou a degustación de ostras, que se maridaron cos viños albariño elaborados en Soutomaior.
Foi antes de que, ás seis da tarde, o directo e diversión dos Festicultores puxera o ramo a toda esta celebración.