Xosé Leal, concelleiro de Cultura en Bueu, presentaba este martes a programación de Nadal na que destacou que as actividades van centrarse nas familias con eventos nos que concorran escolares e persoas maiores.
O Concello habilitará a carpa das Lagoas, que ofrecerá a partir do xoves 22 unha decoración especial con motivo destas datas. Alí personaxes como o Apalpador, Papá Noel e os Reis Magos visitarán a carpa instalada no aparcamento. Papá Noel será o primeiro en acudir, o 24 de decembro, a partir das 16.30 horas. Ao día seguinte chegará o Apalpador, na xornada de Nadal ás 11.00 horas.
O 5 de xaneiro, as súas maxestades de Oriente, ás 12.00 horas, desembarcarán no peirao de barcos tradicionais e durante a tarde, a partir das 17.00 horas, sairá a cabalgata percorrendo as rúas do centro urbano.
Colectivos veciñais da zona colaborarán na celebración dunha actividade nova, Choconadal, con actuacións de maxia e unha xincana elaborada polo artista Josuha Xanbreo por varias zonas da vila. Tamén será unha oportunidade para degustar unha cunca de chocolate de maneira gratuíta. Esta proposta desenvolverase o 23 de decembro en Meiro; o 27, en Beluso e finalmente, na xornada do 30 de decembro, en Cela.
En fin de ano, o Concello organiza unha festa infantil, a partir das 12.00 horas, coas actuacións de Peter Punk e do Mago Paco. O público infantil terá a oportunidade de celebrar a chegada do novo ano cunhas "badaladas miúdas". Esa xornada, pola noite, actuará a orquestra Distrito 7, entre as 01.00 e as 03.00 horas.
Tamén están programados Cantos de Taberna os días 24 e 31 de decembro e o 7 de xaneiro polas cafeterías.
A estas propostas súmanse actos deportivos como a carreira Silvestre en Bueu que será entre as 15.00 e as 18.00 horas do 31 de decembro. O 4 de xaneiro celebrarase o primeiro torneo futsal de Nadal 3x3 con escolares de entre 8 e 12 anos; mentres que o 7 de xaneiro organízase o primeiro torneo de pimpón.
Tamén, a través das concellerías de Cultura e Promoción Económica, organízase un certame de dinamización destas festas coa intención de potenciar o comercio local. Premiarase as mellores propostas audiovisuais que destaquen a decoración dos locais comerciais e tamén os espazos públicos e fogares.
As bases do certame atópanse dispoñibles na web municipal e nas redes sociais Instagram e Tik Tok, á que se incorporou hai dous meses o Concello.
As persoas que desexen participar deberán subir aos seus perfís sociais os seus vídeos etiquetando ao @concellodebueu amosando a decoración de establecementos ou cunha creación audiovisual de espazos públicos e de fogares.