O Concello de Pontevedra e a asociación ADICAM impulsan un ciclo de xornadas sobre cancro xinecológico e saúde do chan pélvico co obxectivo de mellorar a información, a prevención e o acompañamento ás mulleres.
As actividades, de carácter gratuíto e con prazas limitadas, celebraranse na sede de ADICAM, no edificio da Xunta de Galicia en Benito Corbal.
A iniciativa foi presentada este luns pola concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, xunto a Esperanza Gil, membro da directiva de ADICAM, e a traballadora social da entidade, María Martín.
Durante a presentación, a edil destacou a importancia de visibilizar patoloxías que durante anos "foron ocultadas, banalizadas ou directamente esquecidas" tanto na investigación como na dotación de recursos públicos.
Neste sentido, subliñou que o programa busca "garantir o acceso á información e ao apoio" tanto desde o sistema sanitario como desde entidades especializadas.
O ciclo arrincará o no mes de xuño e estruturarase nun bloque aberto á poboación xeral e outro específico para mulleres diagnosticadas.
Así, o 2 de xuño (18:00 horas) celebrarase unha charla sobre tipos, síntomas e tratamentos do cancro xinecológico, coa participación da xinecóloga Olaia Xusto e a psicóloga Iria Aparicio.
O 18 de xuño (16:00 horas) terá lugar un taller teórico-práctico sobre chan pélvico impartido pola fisioterapeuta Yaeli Bermello, e o 8 de setembro (18:00 horas) abordarase o diagnóstico en saúde xinecológico coa psicóloga Vanesa Parada.
O segundo bloque estará centrado en pacientes diagnosticadas e profundará no acompañamento durante todo o proceso.
O 6 de outubro trataranse os coidados do chan pélvico; o 3 de novembro, os efectos secundarios dos tratamentos; o 23 de novembro, a sexualidade durante e despois do cancro xinecológico; e o 15 de decembro, a respiración terapéutica e a regulación emocional.
Desde ADICAM, María Martín lembrou que a entidade, que celebra a súa 25 aniversario, naceu vinculada ao cancro de mama, pero que co paso do tempo detectou a necesidade de atender tamén a mulleres con cancro xinecológico.
"Había unha carencia importante de información e formación", explicou, incidindo na importancia de abordar a enfermidade, a prevención e a detección precoz.
Así mesmo, fixo fincapé en que "non se pode falar de saúde sen falar de saúde mental", destacando o papel das psicólogas no acompañamento emocional, a xestión da ansiedade e a dotación de ferramentas para afrontar un proceso que, en moitos casos, é longo e complexo.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico [email protected].