A campaña "O novo é separar", para mellorar a clasificación dos residuos urbanos, está a ter unha grande acollida por parte da veciñanza.
Así o destaca o Concello de Pontevedra e a empresa Prezero que impulsan esta iniciativa.
O posto informativo instalado na praza de España recibiu este luns a visita do concelleiro de Servizos Básicos Urbanos, Xaquín Moreda e do representante da empresa concesionaria PreZero, Alfonso Silveira.
Ambos coincidiron en sinalar que a veciñanza se está a achegar a este punto con moito interese para resolver dúbidas e coñecer con exactitude os tipos de residuos que ten que separar nos seus fogares.
Para facilitar esta aprendizaxe, a campaña instalou os colectores das cinco fraccións (papel/cartón, envases, vidro, biorresiduos e resto) na praza de España.
Durante a súa visita, Xaquín Moreda volveu a destacar o valor da acción para concienciar á cidadanía: "buscamos unha interacción proactiva e dinámica coa veciñanza grazas á ruleta de cores, un xogo onde as persoas demostran os seus coñecementos sobre os colectores e que nos axuda a afianzar o correcto proceso de reciclaxe na casa".
As persoas que participan nesta actividade lúdica reciben merchandising e material de apoio.
Este martes, 30 de xuño, a actividade porá fin a esta primeira quenda no parque da Constitución en Campolongo en horario de tarde.
A estratexia xeral desta iniciativa busca facer fronte á problemática da presenza de impropios nos contedores equivocados.
Neste sentido, a presenza a pé de rúa serve para poñer un foco especial no fomento e uso correcto do colector marrón destinado aos biorresiduos, que se atopa en fase de implantación en diversas zonas da cidade.
Logo da xornada do martes en Campolongo, a campaña fará unha pausa estival e retomará a súa presenza nas rúas no mes de setembro, xusto despois da celebración da Feira Franca.
Mentres tanto, o Concello lembra que a veciñanza ten á súa disposición a páxina web residuos.pontevedra.gal para consultar calquera información sobre a xestión dos residuos.