O aparcadoiro para autocaravanas habilitado nos antigos terreos de Tafisa está a operar sen un regulamento municipal que fixe as súas condicións de uso, segundo denuncia a concelleira do grupo municipal de Cidadáns, María Rey, despois de consultar este aspecto co gabinete da Alcaldía do Concello.
Para a edil da agrupación laranxa, esta situación é unha "nova mostra de que o goberno do Bloque Nacionalista Galego segue parcheando as súas actuacións".
María Rey considera que a creación desta área para autocaravanas era "necesaria e demandada", trasladando o apoio do seu partido a "calquera iniciativa que sirva para dinamizar turísticamente Pontevedra, sempre de maneira planificada e adecuada".
Neste caso, María Rey sostén que non se pode crear un aparcadoiro sen facer un estudo sobre a localización máis idónea, algo que se bota en falta, "porque se construíu onde dixo o alcalde e iso é caciquismo". Ademais, esta concelleira cre que antes de crear un aparcadoiro, "habería que desenvolver, polo menos, o borrador dun regulamento municipal que fixe as súas condicións de uso".
"Volvemos empezar a casa polo tellado", engade.
O grupo municipal de Cidadáns presentará unha moción para esixir ao equipo de goberno que elabore, presente e explique esta normativa e para iso Cidadáns ofrécese para facilitar ao grupo nacionalista unhas directrices sobre que debe incluír un regulamento para unha área de estacionamento de autocaravanas, "que nós xa estamos a estudar", engadiu María Rey.