O CIFP Cantería de Poio esperta interese internacional

Poio
15 de maio 2026

O empresario australiano William Treble, CEO de varias compañías vinculadas ao sector, coñeceu de primeira man o modelo formativo do Centro Integrado de Formación Profesional Cantería de Galicia

O empresario australiano William Treble no CIFP Cantería de Poio
O empresario australiano William Treble no CIFP Cantería de Poio / Xunta de Galicia

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Cantería de Galicia, con sede en Poio, espertou interese máis aló das fronteiras galegas e nacionais.

A directora xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia, Eugenia Pérez, mantivo un encontro co empresario australiano William Treble, CEO de varias compañías vinculadas ao sector da cantería no seu país.

Treble estaba interesado en coñecer de primeira man o modelo formativo do CIFP Cantería de Poio, referente en Galicia neste oficio tradicional.

A reunión, explican desde o goberno galego, serviu para presentar a oferta educativa e o traballo desenvolvido no centro, así como para analizar posibles vías de colaboración futura con empresas australianas.

Entre os principais intereses manifestados por William Treble, destacan o coñecemento da formación que recibe o alumnado, o contacto con entidades vinculadas ao sector do granito e da pedra natural, así como a posibilidade de incorporar profesionais titulados á súa estrutura.

Para isto último facilitaría os procesos de visado e traslado laboral.

"É unha mostra do prestixio e da calidade da formación que se imparte no Centro Integrado de FP Cantería de Galicia, onde se combina tradición e innovación para dar resposta ás necesidades actuais do mercado laboral", asegurou Eugenia Pérez tras o encontro.

O CIFP Cantería de Poio oferta no curso 2025/2026 cinco titulacións e conta con ao redor de 70 alumnos.

A súa oferta inclúe un ciclo básico en Reforma e mantemento de edificios, ciclo medio de Pedra Natural, ciclo superior de Proxectos de Edificación e as modalidades de FP Dual nas especialidades de Construción e de Proxectos de Edificación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora