A nova escultura de San Xosé pon en valor o legado da cantería galega

Pontevedra
19 de marzo 2026
Actualizado: 25 de marzo

A escultura está realizada en granito do país e ten un peso que supera os 4.000 quilos

Presentación da escultura de San Xosé
Presentación da escultura de San Xosé / Xunta de Galicia

A parroquia de Campolongo celebrou este 19 de marzo, coincidindo coa festividade de San Xosé, a inauguración dunha nova escultura dedicada ao santo no exterior do templo.

A escultura está realizada en granito do país e ten un peso que supera os 4.000 quilos.

A obra foi presentada nun acto institucional no que participou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

A presenza destes dos cargos públicos ten que ver coa autoría da escultura, que é o resultado dun proxecto colaborativo entre distintas xeracións de alumnado das antigas ensinanzas da Escola de Canteiros en colaboración co estudantado dos actuais ciclos formativos logo da súa conversión nun centro integrado de Formación Profesional.

Durante o acto, Román Rodríguez puxo en valor o labor desta institución como referente na conservación dos oficios tradicionais.

Subliñou que a cantería "forma parte da identidade de Galicia e da súa historia construtiva", e salientou o papel do centro na preservación deste saber facer, adaptándoo aos tempos actuais.

Ademais, destacou que este tipo de formación contribúe a dignificar un oficio ancestral ao tempo que mantén vivo o patrimonio cultural galego.

O conselleiro tamén incidiu na importancia de vincular a formación coas necesidades reais do mercado laboral. Segundo explicou, o modelo educativo do centro combina tradición e innovación, o que facilita a inserción profesional do alumnado e responde ás demandas do tecido produtivo.

Na actualidade, o centro ofrece cinco titulacións no curso 2025/2026, cun total de 70 estudantes matriculados. Entre a súa oferta formativa inclúense o ciclo básico en Reforma e mantemento de edificios, o ciclo medio de Pedra natural e o ciclo superior de Proxectos de edificación, ademais de formación dual nas especialidades de Construción e Proxectos de edificación.

Ademáis dun referente relixioso, a nova escultura de San Xosé tamén é un símbolo da unión entre tradición e formación, e nun exemplo do legado que continúa a construírse pedra a pedra desde as aulas.

Presentación da escultura de San Xosé
Presentación da escultura de San Xosé   Xunta de Galicia

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en