Un grupo de docentes dos Ciclos Básicos do CIFP Montecelo atópanse esta semana en Arezzo (Italia) co obxectivo de estreitar lazos cun centro educativo homólogo e seguir avanzando na liña de internacionalización do centro.
O que se pretende é ofrecer ao alumnado novas experiencias de aprendizaxe máis aló das nosas fronteiras, mantendo como base o enfoque do traballo por proxectos que tanto identificou ao centro nos últimos anos.
O primeiro centro co que se contactou é o Istituto Statale Tecnico Professionale Margaritone Vasari, un centro que comparte visión e familias profesionais afíns.
Na análise que realizaron previamente por toda Europa os docentes do CIFP Montecelo buscando posibles centros colaboradores, este instituto gustoulles moito "porque traballan moi ben por proxectos".
Chamoulles especialmente a atención un proxecto que realizaron este curso creando de cero un Porsche a tamaño real de porexpan, segundo comentou Elena Lourido, profesora de ciclos básicos no CIFP Montecelo.
O CIFP Montecelo é un referente na atención ao alumnado de FP Básica, especialmente pola súa capacidade para conectar con estudantes que viviron traxectorias educativas complexas.
A través de metodoloxías activas, como a aprendizaxe baseada en proxectos, o profesorado do CIFP Montecelo consegue espertar o interese, a motivación e o sentimento de pertenza dun alumnado que "necesita propostas pedagóxicas adaptadas á súa realidade", indica José Vieites, outro dos profesores que viaxou a Italia.
"Hai moita diversidade de niveis e a motivación fluctúa bastante, esperamos que esta vía internacional engada un punto extra de interese á nosa proposta educativa", apostila José.
Esta procura de socios educativos internacionais lévase a cabo baixo o paraugas do programa Erasmus+ e "iniciámola crendo firmemente que todos os estudantes, independentemente da súa traxectoria previa, merecen acceder a experiencias educativas transformadoras e inclusivas", afirma Miguel Carballa, director do CIFP Montecelo, "aquí non deixamos a ninguén atrás".
O centro educativo pontevedrés acumula xa uns anos de recoñecida traxectoria no traballo cos Ciclos Básicos. Un compromiso social e educativo moi valorado polas familias e a comunidade local que está a punto, con esta procura de alianzas internacionais, de dar un paso máis na súa identidade institucional de compromiso con alumnado en situacións vulnerables.