Tres profesores do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Montecelo de Pontevedra emprenderán a próxima semana unha viaxe formativa a Finlandia co obxectivo de coñecer e aprender do sistema de Formación Profesional finlandés, considerado un dos máis avanzados de Europa.
Esta iniciativa, enmarcada no Programa KA131 Erasmus+, permitirá aos docentes galegos mergullarse na metodoloxía educativa finlandesa do 5 ao 9 de maio, visitando centros educativos en Helsinqui e Porvoo, dúas localidades con gran tradición en programas de intercambio europeos.
"Buscamos traer ao noso centro novas metodoloxías de traballo e potenciar as redes Erasmus europeas", explica Mercedes Cruz, coordinadora do Programa Erasmus+ no CIFP Montecelo, quen viaxará xunto a Francisco Santos, ámbolos do Departamento de Artes Gráficas, e Jose Sanjorge, do Departamento de Sanitaria.
Malia a distancia xeográfica, Galicia e Finlandia comparten, segundo estes docentes, sorprendentes similitudes: un profundo respecto pola natureza, linguas propias que definen a súa identidade cultural e unha firme aposta pola educación como motor de transformación social. Estes puntos en común servirán como base para establecer sinerxías entre os dous sistemas educativos.
Durante a súa estancia, os profesores pontevedreses participarán en mesas de traballo e debates con homólogos finlandeses, ademais de reunirse con expertos e profesionais do sector. "A relación con outros compañeiros é sempre beneficiosa. Ver como traballan e que o expliquen a través de mesas de traballo paréceme moi interesante", sinala Jose Sanjorge.
Unha semana despois, María Martínez, docente do Departamento de Sanitaria do mesmo centro pontevedrés, viaxará a Braga (Portugal) para visitar a Escola Europea de ensino profissional con obxectivos similares.
Miguel Carballa, director do centro, destaca a importancia destas iniciativas: "Apostamos firmemente por unha visión aberta, de internacionalización, onde o intercambio de experiencias e a colaboración sexan alicerces fundamentais do crecemento profesional e educativo. Desta maneira, enriquecémonos todos".
O CIFP Montecelo leva máis dunha década, segundo a dirección, promovendo a internacionalización formativa, con Mercedes Cruz á fronte do Programa Erasmus+ durante os últimos 11 anos. Esta traxectoria permitiu ao centro establecer numerosas colaboracións europeas que benefician tanto a docentes como a estudantes, preparándoos mellor para un mercado laboral cada vez máis globalizado.