A Confederación Intersindical Galega (CIG) presentou este mércores en Pontevedra as mobilizacións para o vindeiro 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora.
Baixo o lema "Contra o imperialismo, paz e soberanía. Na Galiza, traballo digno e dereitos", a central nacionalista convoca vinte manifestacións en toda Galicia para denunciar o empobrecemento da poboación e a deriva belicista internacional.
Sole Fernández, integrante da executiva comarcal da CIG, fixo un chamamento para que a xornada sexa un espazo de "compromiso nas rúas e nos centros de traballo" co obxectivo de "construír poder popular que nos permita avanzar en dereitos ante a patronal e os gobernos".
Fernández destacou que o que se dirime nestas protestas é a capacidade de vivir e traballar dignamente na terra propia, exercendo a plena soberanía e o dereito á autodeterminación.
Dende a secretaría comarcal de Pontevedra, Diana Rodríguez puxo o foco na subordinación da Unión Europea á estratexia dos Estados Unidos.

Segundo o sindicato, este camiño cara á guerra tradúcese nun incremento desproporcionado do gasto militar no Estado español, que prevé destinar o 2,1% do PIB a este fin.
"Representa preto de 39.000 millóns de euros fronte aos 5.000 millóns do plan de choque para paliar os efectos da guerra", denunciou Rodríguez, quen cualificou a medida de insuficiente.
Esta prioridade orzamentaria contrasta, a ollos da CIG, coa realidade dunha clase traballadora que soporta unha suba de prezos "desbocada" nos alimentos e combustibles.
A central sindical esixe que o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) se sitúe no 60% do salario medio, o que elevaría a contía ata os 1.374 euros.
No ámbito social, tamén reclaman a gratuidade do transporte público de proximidade e a conxelación das cotas das hipotecas variables ante a crise de vivenda.
ABSENTISMO
Un dos puntos máis conflitivos abordados na rolda de prensa foi a campaña da patronal e da Xunta de Galicia contra o absentismo laboral.
Aitor Maquieira, representante de CIG-Servizos, asegurou que este termo se utiliza para "criminalizar" o dereito á saúde. "O absentismo non é un problema social, senón que é un síntoma", puntualizou, vinculando as baixas ao envellecemento da poboación activa e á precariedade.
Maquieira sinalou que as listas de agarda do Sergas, que acadan máximos históricos con medias de 67 días para cirurxía, dilatan os procesos de recuperación das persoas que permanecen de baixa.
Pola contra, denunciou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asuma o discurso empresarial: "Colócase como axente patronal e utiliza os mesmos discursos para responsabilizar ás persoas traballadoras dunha situación de baixa médica".
O sindicato tamén alertou sobre o acordo entre o Goberno central, a patronal e os sindicatos CC.OO. e UGT para dar máis competencias sanitarias ás mutuas, un modelo que rexeitan de pleno.

NEGOCIACIÓN COLECTIVA
A situación laboral na comarca de Pontevedra atravesa tamén un momento crítico pola parálise de diversos convenios.
Diana Rodríguez denunciou que as patronais priorizan os debates sobre o control das baixas antes que garantir o poder adquisitivo do persoal laboral.
Sectores como o do comercio do metal teñen convocada unha folga para o vindeiro 7 de maio, mentres que noutros ámbitos, como a conserva ou o téxtil, a negociación estase a centralizar en Madrid, o que supón unha perda de dereitos e salarios para Galicia.
HORARIOS DO 1º DE MAIO
As principais mobilizacións na comarca realizadas pola CIG o 1ª de maio serán:
-
Pontevedra: Saída ás 12.00 horas dende a rúa Pasantería (diante do edificio sindical), para percorrer as principais rúas ata rematar na praza do Teucro.
-
Vilagarcía de Arousa: Inicio ás 11.30 horas dende a Casa do Mar (avenida da Mariña).
-
A Estrada: Saída ás 12.00 horas dende a praza do Mercado.